A CIG rexeita os cambios en materia de emprego público que vén de aprobar o Goberno español
A CIG-Administración amosou hoxe o seu rexeitamento ás modificacións en materia de emprego público que vén de aprobar o Goberno español e que adianta medidas da Lei de Función Pública que a central non asinou, entre outras cousas porque suporá a precarización das condicións laborais e non garante a transparencia do sistema de avaliación do persoal.
Dende a central sindical sinalan que o Real Decreto-lei aprobado pola vía de urxencia e publicado esta mañá no Boletín Oficial do Estado polo que se aproban medidas urxentes para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en materia de servizo público de xustiza, función pública e réxime local “responde á necesidade de xustificar a reforma marcada pola UE dentro da política de imposicións para recibir os fondos Next Generation”.
Este RD, na parte que ocupa o Libro Segundo, adianta medidas que establece a nova Lei da Función Pública da Administración do Estado, que se atopa aínda en proxecto e que entra na regulación de materias que son obxecto de negociación segundo o artigo 37 letras c), d), l) e m) do EBEP.
En canto ao articulado, a CIG-Administración sostén que é unha copia parcial do que establece o proxecto de Lei de Función Pública e que a central sindical non asinou polos seguintes motivos:
Avaliación do desempeño
Para a CIG é un dos pilares fundamentais desta lei, e consiste nun procedemento que medirá a conduta profesional e o rendemento do persoal empregado público. Esta avaliación marcará as retribucións, carreira profesional, promoción, formación, concursos e mobilidade.
A Lei non contempla a representación sindical na Comisión de Coordinación da Avaliación do Desempeño, algo que a central sindical considera innegociábel para garantir a transparencia nos sistemas de avaliación. Tampouco recolle cal vai ser modelo de avaliación a seguir, deixando pendente o seu desenvolvemento regulamentario. “Entendemos que a utilización desta ferramenta levará a situacións arbitrarias e inxustas”, advirten.
Carreira profesional
Está condicionada á avaliación do desempeño, e non establece as contías económicas.
Areas funcionais
Novo concepto creado para poder mover ao persoal con ou sen o seu consentimento. Esta Lei non delimita nin define o seu ámbito (centro de traballo, localidade, etc). Un empregado/a poderá ser movido do seu posto xa que pode estar incluído nunha ou varias áreas funcionais. Tamén queda pendente o seu desenvolvemento regulamentario.
Persoal directivo
Un dos poucos temas que non deixa pendente para desenvolver regulamentariamente (Capítulo III): subdirectores/as xerais serán “persoal directivo” e subdirectores adxuntos/as “persoal predirectivo”. A CIG sempre rexeitou o art.13 do EBEP na súa totalidade, onde ven recollido esta figura e que deixa fora de calquera control e negociación sindical tanto o réxime xurídico que o regule como as súas condicións retributivas. “Algo que nos parece escandaloso, e que ningún sindicato, só a CIG, denuncia”.
Retribucións
Segue sen garantir a cláusula de revisión salarial. Non aborda a simplificación dos conceptos retributivos nin garante a homoxeneización de salarios dos diferentes ministerios, non incorpora mecanismos de recuperación da perda do poder adquisitivo e segue mantendo un sistema retributivo atomizado.
Salario diferido
Apóstase polos plans de pensións privados e contratos de seguro; no art. 97 recoñécese a consideración de “retribucións diferidas” das achegas aos plans de pensións privados. É dicir, computan como subas salariais. “Lembremos que dende o ano 2004 o BBVA xunto con CCOO e UGT xestionan un Plan de Pensións que dende o 2012 non recibe ningún tipo de achega e que ten un fondo de máis de 600 millóns de euros”.
Xornada laboral
Non recoñece a xornada de 35 horas.
Xubilación parcial
Segue se abordar este tema, sen ningún tipo de xustificación. Nin a xubilación obrigatoria aos 65 anos.
Mobilidade
Abre a posibilidade da “mobilidade forzosa” do persoal (art. 63) a nivel ministerial e intraadministrativa, xa que no delimita o ámbito.
Atribución temporal de funcións
Poderase atribuír funcións temporais a persoal que non lle son propias nin recoñecidas na relación de postos de traballo.
Ofertas de emprego público
Segue sen garantir que as convocatorias se fagan o mesmo ano que a aprobación da oferta.
Regulamentos
A Lei está chea de xeneralidades que deixan ao desenvolvemento dos regulamentos temas de vital importancia e que son os que marcarán a propia Lei.
Precarización das condicións laborais
Por iso dende a CIG indican que aínda que o RD non contempla a totalidade dos motivos expostos, si que senta as bases para a posterior aplicación da Lei de Función Pública, e con ela a precarización das condicións laborais do persoal. “Cuestións como o teletraballo, que está sen regular e que afectará na prestación do servizo á cidadanía pero tamén na saúde laboral do persoal empregado público; a politización dos postos directivos, que ademais estarán fóra da regulación que establece a propia lei de FP, co que isto supón; ou que non se contemple a posibilidade de ter unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC (o persoal público leva perdido máis do 18% de poder adquisitivo nos últimos anos) son motivos máis que suficientes para rexeitar este RD”.
Administración eficaz que garanta servizos públicos de calidade
A CIG ten en marcha nunha campaña de recuperación de dereitos e de salarios para o persoal público que contempla unha serie de propostas para contar cunha Administración pública eficaz que garanta uns servizos públicos de calidade:
-Cláusula de garantía salarial por desviación do IPC garantida por lei (debera estar recollida no articulado da Lei).
-Aumento salarial proporcional ás perdas retributivas dos último anos (establecer un marco de negociación que garanta acordos salariais anuais).
-Modificación da figura do persoal directivo para que teña que ser funcionario e con retribucións suxeitas a negociación colectiva co resto de retribucións do persoal funcionario.
-Eliminación das taxas de reposición que impiden a recuperación de prazas nas administracións.
-Axilidade nos procesos selectivos e ofertas de emprego público que recollan todas as vacantes e a creación de prazas.
-Derrogación definitiva dos RD-Lei 8/2010, RD-Lei 20/2011 e RD-Lei 20/2012 que limitan a recuperación do poder adquisitivo.
-Establecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais.
-Regular no EBEP os concursos de traslados e a promoción interna para que teñan carácter anual (ou coa aplicación dun sistema permanente) previos a outros procesos selectivos.
-Regular no EBEP un importe dos trienios único para todos os grupos.
-Creación da mesa de negociación da Administración Xeral do Estado en Galiza para a normalización da lingua galega no conxunto das administracións publicas e a negociación das condicións específicas dos postos de traballo no noso territorio.
-Desenvolvemento da xubilación parcial das persoas funcionarias do réxime xeral da Seguridade Social. E xubilación anticipada de colectivos que desempeñen funcións en condicións de penosidade, perigosidade, toxicidade, etc.
-Plan de pensións público: recuperación dos fondos públicos destinados a plans de pensión privados e integración destes nos salarios.
-Implantación de plans de igualdade en todas as administracións e establecer os mecanismos para que as administracións que non cumpren coa implantación dos plans de igualdade sexan sancionadas.
-Recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo RDL 8/2010.
-Actualización do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre compensación por razóns de servizo. Que se promovan as accións necesarias para a modificación do citado real decreto, para a unificación dos grupos existentes.
-Derrogación do apartado 2 do artigo 7, RD 861/1986, que establece o sistema retributivo do persoal funcionario da Administración Local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatíbeis co novo sistema retributivo.
-Desenvolvemento do grupo B e integración directa neste grupo de todas as prazas ocupadas por persoal público ao que se lle esixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2º grado o equivalente.
-Acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos da propia perversión da taxa de reposición que, co pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante as horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento de gasto correspondente.
-Sancións administrativas para quen utilice ou permita utilizar de xeito fraudulento as comisións de servizo, rebaixando a súa duración a un ano de máximo e impedindo a reiteración de comisións de servizo nun mesmo posto de traballo.
-Garantir que se desenvolva un proceso de negociación colectiva previo de leis básicas ou estatutos na Mesa Xeral de Administracións Públicas.
-Blindar as funcións do persoal funcionario público para evitar actuacións que supoñen un impacto social, no medio natural ou na economía do país (invasión eólica e mineira), establecendo un réxime claro que sancione as persoas directivas das administracións públicas que asinen contratos con entidades publicas e privadas para realizar xestións, informes e trámites que até o de agora realizaba persoal empregado público.
-Incluír no réxime especial do mar as persas funcionarias públicas que por razón de actividade deberan ter cabida nel ou establecer unha ponte que garanta a protección e os coeficientes redutores (de telos) por similitude do ámbito laboral.