A CIG rexeita o proceso xudicial contra 12 independentistas e trasládalles a súa solidariedade

O secretario xeral e outros membros da central sindical asinaron un manifesto de apoio
Nacional - 09 Out 2020

A Confederación Intersindical Galega (CIG) súmase aos centos de persoas e colectivos que amosaron o seu rexeitamento ao proceso xudicial contra 12 persoas vinculadas ás organizacións Causa Galiza e Ceivar, que os vindeiros días 19, 20 e 21 serán xulgadas na Audiencia Nacional, en Madrid, acusadas de “pertenza a banda criminosa” e “enaltecemento do terrorismo”.

A central trasládalle a súa solidariedade aos 12 militantes independentistas e fai seu o contido do comunicado no que se denuncia este novo intento de criminalización da disidencia política por parte do Estado español. O texto foi subscrito polo propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril, así como por outros membros da central sindical.

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO

As e os abaixo asinantes, diante do xuízo a 12 persoas vinculadas ás organizacións Causa Galiza e Ceivar os próximos días 19, 20 e 21 na Audiencia Nacional, en Madrid, acusadas de “pertenza a banda criminosa” e “enaltecemento do terrorismo”, queremos expresar o noso rexeitamento a este proceso e a nosa confianza en que se impoña a xustiza e a verdade:

1. Non vemos fundamento real que ampare as acusacións e moito menos as peticións de condena que se solicitan. A expresión de calquera reivindicación e o exercicio de dereitos fundamentais como o da liberdade de expresión para, incluso, cuestionar o propio sistema e o seu ordenamento xurídico, forma parte medular do que se entendería como réxime democrático. Non podemos observar con pasividade o desenvolvemento de operacións de montaxe policial e de impulso de intentos de criminalización e ilegalización de organizacións políticas, independentistas neste caso, porque máis alá do seu obxectivo concreto e próximo, tolerar estas derivas implicaría aceptar o recorte de dereitos e liberdades.

2. As peticións de condena formuladas forman parte fundamental dunha resposta con clara inspiración autoritaria e represiva, inserida lonxe dos valores de tolerancia e liberdade que deben guiar a acción xudicial e fiscal. Pola contra, solicitar penas que suman 102 anos de prisión, con condenas individualizadas que van de 4 a 12 anos, cando en boa parte da argumentación acusatoria non existe fundamento probatorio, parece aproximarse, máis ben, a un intento de amedrentamento e castigo exemplarizantes, algo que xa parece habitual nun tribunal político de excepción deseñado e motivado para a represión política en lugar de para a impartición de xustiza.

3. Consideramos como imperativo que a Audiencia Nacional absolva as persoas encausadas, restituíndo todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas, ás que se debe restaurar o seu lexítimo dereito á plena intervención pública presente e futura.

4. Ante a inminencia do xuízo e a irracionalidade das peticións da Fiscalía, apoiamos as vías e pronunciamentos que contribúan a evitar encarceramentos e ilegalización de organizacións integradas na actividade política galega desde hai moitos anos. O país precisa de todas aquelas persoas e entidades dispostas a manter vivo o compromiso coa súa defensa, algo que este proceso pretende pór en cuestión.