A CIG rexeita o convenio dos centros de chamadas de CCOO e UGT porque precariza aínda máis o sector
A CIG rexeita a sinatura do preacordo do convenio dos centros de chamadas asinado onte por CCOO e UGT coa patronal porque precariza aínda máis o sector e afonda no empobrecemento das persoas traballadoras. O pacto produciuse despois de que a patronal enviase a súa proposta o venres ás 21:00 horas, apenas dous días antes da xornada de folga convocada pola central sindical no sector.
Dende o sector de Centros de Chamadas da CIG-Banca denuncian que as organizacións asinantes "véndennos a moto” dun 80% de contratos indefinidos ordinarios antes do 31 de decembro de 2023. “Nada máis lonxe da realidade, xa que o empresariado confirmara con datos aportados ante a Dirección Xeral de Traballo que esta porcentaxe xa se cumpre na maioría das empresas, polo que en lugar de esixir a conversión dos contratos en fraude nas empresas que non chegan a esta porcentaxe outórganlles un ano de tempo de desconto”.
No que ten que ver cos contratos fixos-descontinuos lembran que a reforma laboral contempla estes contratos para traballos de temporada, “por iso non deberan ter cabida no noso sector”. Aínda así, o Estatuto dos Traballadores/as establece que, salvo acordo en convenio colectivo, non se poderán realizar a tempo parcial, e os períodos de inactividade non poderán ser superiores a tres meses.
Mais o preacordo “da miseria” de UGT e CCOO outórgalle á patronal a única ferramenta posíbel para empeorar o Estatuto nesta materia, aceptando fixos descontinuos a tempo parcial e períodos de inactividade (é dicir, no paro) de até seis meses.
En cuestión de contratación temporal, tamén CCOO e UGT permítenlle ás empresas do sector empeorar a norma, e establecer a duración destes contratos en nove meses, cando o límite do Estatuto é de seis, ampliábel na negociación colectiva até un máximo de 12.
Xornada laboral
Tamén se lles permite que tan só o 30% do persoal poida estar contratado a xornada completa (“se quitamos desa porcentaxe ao persoal de estrutura que normalmente ten xornada completa, que porcentaxe nos queda para as teleoperadores/as?”). E que outro 30% teña xornadas de menos de 30 horas e se vexa obrigado a recorrer ao pluriemprego para subsistir, “algo totalmente inasumíbel nun sector consolidado coma este”.
Salarios
Renuncian á suba salarial dos anos 2020 e 2021 (despois de pechar 2021 co IPC no 6,5%), “o que supón perpetuar na pobreza a milleiros de familias”. Para 2022 establécese unha suba do 3,5%, da que hai que descontar o 2,5% a conta que pagaron as empresas da patronal CEX. “Cunha previsión do IPC moito maior, condénannos a seguir perdendo cartos outro ano máis”.
Para 2023 dun 3,5%, para 2024 dun 3%, para 2025 a suba será o IPC, pero con tope máximo do 3,5% e mínimo do 1% e para 2026 será do IPC+0,5%, con tope 3,5% e mínimo 1%. “É totalmente intolerábel asinar un convenio a sete anos cunha proposta salarial á baixa e sen unha miserenta cláusula de revisión salarial”, censuran dende a CIG-Centros de Chamadas.
Teletraballo
Nesta cuestión aceptan os importes insuficientes que propón a patronal “sen dar un chío”, renuncian ao abono retroactivo “dende que estamos traballando nas nosas casas, salvándolles os beneficios ás empresas, cando isto foi unha liña vermella para todos os sindicatos en absolutamente todas as mesas negociadoras que se abriron”.
Tamén “tragan con obediencia debida” que se poida teletraballar o 100% da xornada, permitindo así que as persoas sexan contratadas en calquera punto do Estado e que na vida pisen un centro de traballo. “Iso si, despois botan as mans á cabeza ante a posibilidade de que esas persoas se vexan na rúa cunha man diante e outra detrás con tan só un movemento da empresa: exercer a reversibilidade do teletraballo e facerlles volver a un centro de traballo a centos ou miles de quilómetros das súas casas”.
Neste senso, sinalan que durante dous anos asistiron a mesas de negociación nesta materia, tanto sectorial como en cada unha das empresas, comprobando que o principal problema se atopaba na falta de acordo á hora de establecer os medios que a empresa está obrigada a facilitar. “Pese a esta experiencia, e a que a propia Lei de teletraballo recolle a obriga de listar os medios, esquéceselles nesta baixada de pantalóns recoller esta cuestión”.
Subrogación
Acórdase unha redacción sobre subrogación baseada no artigo 44 do Estatuto, pero adaptada ao sector, “mais descoñecemos como será esa adaptación, xa que tiñan moita présa por deixar ben atado dende xa outras cuestións, como que os delegados/as afectados/as pola subrogación decidirán se se subrogan co resto de persoal afectado ou quedan na empresa”.
Por todo isto, dende a CIG-Banca entenden que se trata dun convenio precario, “que non só non permitirá que as persoas traballadoras do sector recuperen o poder adquisitivo perdido, senón que as someterá ao xugo da patronal durante nada máis e nada menos que sete longuísimos anos”. Polo que non dubidan en cualificalo como “o peor convenio de toda a historia deste sector, que sumirá o persoal no pozo da pobreza e da miseria até 2027”.
Finalmente, agardan aos sindicatos que asinaron o preacordo lles aproveiten “as liberacións e o que pactasen por detrás, porque ás persoas traballadoras do sector acaban de vendelas dun xeito sen precedentes”.