A CIG rexeita o posíbel peche do centro de sanidade marítima de Corcubión e reclama a cobertura da praza de médico
Unha representación da CIG mantivo unha reunión esta mañá coa directora provincial do Instituto Social da Mariña para abordar a falta de cobertura da praza médica do centro de sanidade marítima de Corcubión, posto que non se presta este servizo dende que o titular se puxo de baixa por enfermidade hai xa máis de dous meses. A avaliación do encontro non pode ser máis negativa posto que a responsábel do ISM non se comprometeu a cubrir a praza no inmediato e por enriba deixou entrever a intención do organismo de pechar o centro de Corcubión e o de Muros.
A directora do organismo sostén que non se pode substituír ao médico de baixa porque non hai profesionais que queiran ir para este centro, pero para a CIG, esta situación débese á precariedade das condicións laborais e salariais neste servizo comparadas coas do SERGAS. De feito, a propia responsábel recoñeceu que hai unha diferenza de até mil euros entre o que paga o ISM e os salarios do SERGAS.
"Parece normal que os/as médicos/as non queiran vir porque cobran menos, teñen peores condicións e pouca estabilidade. Por iso na reunión reclamamos que se saque unha oferta pública de emprego para repor o persoal médico do ISM, en condicións dignas e estábeis, para garantir así a continuidade do servizo e unha atención próxima e de calidade ás persoas que traballan no mar", subliña o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, quen estivo acompañado na reunión polo responsábel da CIG de Cee, Xabier Santos, e o membro da Executiva local, Lois Lado.
Proposta da patronal de privatizar o servizo
Ante a insistencia dos representantes da CIG, a directora recoñeceu tamén que hai unha proposta por parte da patronal de privatizar este servizo médico, "polo que moito tememos que esta sexa unha das razóns polas que se está deixando deteriorar este servizo público". Neste senso, Camiño subliña que no centro de Corcubión fanse os recoñecementos médicos e outro tipo de actuacións sanitarias a un colectivo de máis de 1400 traballadores e traballadoras do mar pertencentes aos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica.
"Pechar este centro suporía para este persoal ter que desprazarse até á Coruña, co conseguinte gasto económico, unha perda de tempo que lles impediría saír faenar en determinados días, e á súa vez, provocaríase unha saturación nos servizos do ISM da Coruña", advirte.
Á vista de que o servizo médico continuará sen ofrecerse e ante a posibilidade do peche do centro de Corcubión, a CIG realizará todas as actuacións que sexan necesarias para que se manteña o servizo na comarca, e con carácter público, e abordará co persoal afectado as medidas de presión a desenvolver.