A CIG rexeita o convenio estatal de seguridade privada ao consideralo regresivo para o sector
A CIG rexeita o novo convenio colectivo estatal de seguridade privada que veñen de pactar a patronal e os sindicatos UGT e USO ao entender que se trata dun preacordo regresivo para o sector. O texto fixa unha suba de soldos de só un 1% e establece a absorción de pluses para deixar sen efecto o incremento do Salario Mínimo Interprofesional.
Fixeron falta unicamente cinco xuntanzas para que as organizacións empresariais APROSER (ACAES e FES) e ASECOPS e as centrais sindicais UGT e USO asinasen un novo convenio colectivo de seguridade privada que terá un ano de vixencia e que contempla unha suba salarial dun 1% e a absorción de complementos salariais para compensar o incremento do SMI. Na CIG consideran que se trata dunha "vendida" máis a un sector cada vez máis precarizado.
Entenden que a proposta empresarial é totalmente insuficiente, xa que non responde ás necesidades do sector. Con respecto á actualización do SMI, inciden en que non se poden absorber os complementos salariais e extrasalariais para compensar o incremento do SMI, “xa que o salario base ten que ser igual ao SMI”.
No que ten que ver co novo apartado f) da disposición adicional 4ª, rexeitan tanto o novo apartado como a disposición completa, “porque o que se pretende é substituír a mesa negociadora, negándolle o dereito de debate e participación aos sindicatos non asinantes do convenio, para logo someterse á mesa con todo o peixe vendido”, segundo denuncia o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez.
A CIG considera que se trata dun acordo regresivo que non se adapta á a realidade do sector, nin ten en conta a actual carga de traballo, a funcionalidade e a adaptabilidade á que se ven obrigados/as os traballadores/as, “que non son compensados/as pola enorme capacidade de sacrificio, adaptación, preparación e formación á que teñen que someterse para estar actualizados/as e modernizados/as nun sector tan cambiante nos últimos tempos polo emprego de novas tecnoloxías, especialidades e novos sectores de negocio”.
Ao mesmo tempo, dende a central reiteran unha vez máis a necesidade dun convenio de ámbito galego que regule o sector da seguridade privada en Galiza.
Sen credibilidade
Tanto a CIG como a central vasca ELA decidiron non asinar o preacordo, mentres que CCOO manifestou que someterá a decisión aos seus órganos de dirección. “Os que asinaron dirán que apoian este convenio de transición por responsabilidade, polo mantemento do emprego, por manter vivo o convenio, por manter o poder adquisitivo e para poder repercutir o incremento aos clientes; deixan aparcadas as súas propostas para outro momento, para cando superamos a situación actual e pasemos a unha situación de normalidade”.
Na central lembran que son os traballadores/as os que pagan as consecuencias das crises económicas, como aconteceu no sector da seguridade privada con recortes salariais e sociais, conxelacións, despedimentos, descolgues e ERE, polo que se preguntan a que nova situación se refiren os asinantes do acordo. De feito, nas últimas dúas décadas o sector perdeu arredor do 20% de poder adquisitivo. “Agora imos volver a pagalo os mesmos/as, por iso estas organizacións xa non enganan a ninguén, xa non teñen credibilidade”.