A CIG rexeita o ERTE de Ferroatlántica e reclama unidade sindical para defender os intereses da Costa da Morte
A sección sindical da CIG en Ferroatlántica quere amosar o absoluto rexeitamento ao ERTE formulado pola empresa, pois non existen causas obxectivas que o xustifiquen nin o resultado da poxa de interrumpibilidade pode ser escusa para unha medida deste tipo, atendendo a condición da empresa como produtora de enerxía e aos bos resultados económicos obtidos durante o ano 2018.
E así llo trasladaron os delegados/as da central na reunión que hoxe tivo lugar co director de Recursos Humanos, que se trasladou a Cee para avaliar a situación da empresa. Nesa xuntanza, a CIG tamén manifestou o seu total desacordo coa composición da mesa de negociación do expediente que pretende impor a compañía (e que está previsto se constitúa o vindeiro luns en Madrid), xa que ten convocadas ás seccións sindicais e non aos comités dos centros de traballo, tal e como establece o artigo 41 do ET.
"A empresa fai esta formulación porque deste xeito a defensa dos intereses da Costa da Morte non se ten en conta, xa que a maioría da representación (agás os catro membros da CIG) serían de Boo, Sabón e Madrid", advirten. Fronte a isto, a central defende que as 13 persoas que representan a parte social se repartan polo tamaño dos centros de traballo, de maneira que á Cee lle corresponderían 6 representantes. "Poderíamos facer así unha fronte común e teriamos a maioría en Madrid para frear un ERE que, ademais, está orientado as plantas da Costa da Morte".
En xogo o futuro da comarca
A este respecto, a CIG insta os comités galegos a empurrar conxuntamente con este obxectivo porque "o que está en xogo é o futuro da nosa comarca". Lembran que nestes momentos xa están parados dous fornos en Cee e a produción que tiña que facerse na fábrica Brens estase desviando a outras plantas do grupo, a través das que se subministra á clientela propia.
Estas decisións xa teñen unha tradución directa no emprego: dende o 1 de xaneiro o persoal das auxiliares está na rúa e o temporal non vai ser chamado para cubrir a parada e as rotacións. Pero de saír adiante o ERE, alén da afectación sobre os empregados/as fixos/as, durante dous anos non habería expectativa de traballo nin para o persoal eventual nin para o das auxiliares. "Hai preto de 100 empregos que se destrúen. Ferroatlántica está incumprindo a vinculación das centrais hidroeléctricas co complexo industrial, pois non garante nin a viabilidade das fábricas nin o mantemento dos empregos", aseveran.
A dirección xera aínda máis dúbidas
De feito, na reunión deste venres, o director de Recursos Humanos xerou aínda máis dúbidas sobre as intencións reais de Ferroatlántica, xa que en ningún momento garantiu que se porían en marcha estes dous fornos de xeito prioritario, no caso de mellora das presuntas malas condicións que alega a empresa.
"A Xunta non pode quedar de lado tamén nesta ocasión, ten que facer valer as cláusulas da concesión, que explicitamente vinculan o outorgamento da explotación dos saltos de auga e os encoros co mantemento da viabilidade do complexo industrial e do emprego. E deslocalizar a produción compromete o futuro das fábricas de Cee e Dumbría e polo tanto os postos de traballo", afirman.
Neste senso, a sección sindical a CIG pon en valor o acertado da posición dos traballadores e traballadoras de defender sen fisuras a vinculación e non ceder ás pretensións da empresa de vender as centrais. "Pois, de aceptar o que buscaba Ferroatlántica, en que posición nos atoparíamos hoxe diante da prestación deste ERTE?", pregúntanse.