A CIG esixe a retirada do ERE en Atunlo O Grove e reclama o mantemento dos 136 empregos
A FGAMT-CIG do Salnés esixe a retirada do ERE extintivo en Atunlo O Grove que a empresa anunciou a semana pasada e que afectará á práctica totalidade do persoal xa que o preconcurso de acredores no que está inmerso a compañía provocaríalle unha inseguridade xurídica ás traballadoras/as que non lles permitiría cobrar do Fogasa.
Dende a central sindical reclaman o mantemento de todos os postos de traballo (a empresa decidiu desmantelar o departamento de produción e conservar unicamente 13 dos 136 empregos para realizar labores de loxística) e lamentan que a dirección “queira facerlle pagar ás traballadoras/es a súa mala xestión”. E CIG consideran que en todo caso o ERE debera negociarse unha vez tramitado o concurso de acredores e coa arbitraxe do administración concursal. Con todo, inciden en que tanto a localidade como a propia comarca do Salnés "non poden permitirse nin un só despido máis".
A dirección da empresa con sede en Vigo e fábricas no Grove e Cambados, no caso de Galiza, comunicou a decisión por correo electrónico en plena negociación do calendario laboral do ano que vén, algo que dende a central sindical cualifican de “agasallo de Nadal envelenado” porque vai supoñer o despido de máis dun cento de persoas sen que teñan garantidas as correspondentes indemnizacións.
“Se os acredores están pendentes de cobrar de Atunlo que garantía existe de que o vaian facer as traballadoras/es?”, pregúntanse na CIG. Por iso rexeitan a “chantaxe” da dirección para “sacar adiante” o ERE canto antes “coa escusa de que agora teñen cartos para pagar as indemnizacións”.
Finalmente, na central sindical denuncian que estes movementos da empresa -vén de comunicar tamén o despido das máis de 80 traballadoras/es de Santoña, en Cantabria- responden a un plan de deslocalización da produción, tendo en conta que conta con fábricas en Portugal e Cabo Verde. E adiantan que a vindeira xuntanza coa dirección terá lugar o próximo 3 de xaneiro.