
A CIG rexeita o ERE anunciado por Teleperformance para o persoal que atende servizos de Vodafone

Teleperformance (do sector dos centros de chamadas) anunciou este venres que vai presentar un ERE de extinción que afectará ao persoal adscrito á campaña ‘Tú a tú” de Vodafone e aos servizos de ‘Verisure’ de todas as plataformas que ten no Estado español. No centro da Coruña hai unhas 30 persoas traballando na campaña de Vodafone cunha idade media que supera os 50 anos e, á falta de contar con máis información, a CIG xa adiante que pelexará polo mantemento de todos os postos de traballo.
A compañía atribúe este despedimento colectivo á perda destes dous servizos e calcula que en todo o Estado se poderán ver afectadas máis de 300 persoas. O secretario da CIG-Banca da Coruña e delegado da CIG en Teleperformance, Sergio Toucedo, apunta que en marzo Vodafone abriu un centro de atención á clientela propio en Valladolid coa intención de recuperar e concentrar todos os servizos externalizados. Segundo as declaracións da operadora de telefonía, a súa intención é incorporar neste centro ao persoal que xa está atendendo as súas campañas.
“Pero con esta decisión, Teleperformance impide que o persoal poida ser subrogado nese novo centro de traballo con todos os seus dereitos”, denuncia Toucedo. “As persoas despedidas a través do ERE perderán esa oportunidade ao pasar directamente ao desemprego”. O representante da CIG cuestiona o obxectivo desta manobra empresarial, pois “de momento, Teleperfomance non nos confirmou que perdera nin o contrato con Vodafone nin con Verisure”.
O próximo venres constituirase a mesa negociadora e agárdase que a empresa comunique o número de persoas afectadas e concrete cales son os motivos organizativos, económicos ou produtivos que alega para xustificar este expediente de extinción.
Toucedo reitera que a CIG vai defender o mantemento de todos os postos de traballo e denuncia as tremoias ás que recorren ás empresas deste sector para precarizar aínda máis as condicións laborais e manter o persoal na pobreza salarial.