A CIG rexeita o despedimento dun traballador de Amicos e reclama a súa inmediata readmisión
A CIG fai un chamamento a participar na mobilización convocada contra o despedimento dun traballador de AMICOS e en demanda da súa inmediata readmisión, o vindeiro xoves día 16 de novembro, ás 17:30 horas, ás portas da asociación, en Boiro. A central sindical exixe á empresa de atención á discapacidade que cese na súa política de “persecución ao conxunto do persoal e, nomeadamente, das e dos afiliados e representantes de persoal do sindicato, sexa por medio de modificacións inxustas das súas condicións laborais, sancións ou despedimentos inxustificados”.
O sindicato amosa a súa indignación ante estes feitos e lembra que o despedimento deste traballador só é un capítulo máis dunha longa historia de mala praxe e irregularidades dentro dun ambiente de asfixia laboral, no que a toma de decisións unilaterais e sen comunicación previa, a intimidación, o medo e as coaccións son o día a día, ademais dos despedimentos, dos que nunca se dá o preaviso legal pertinente, unha práctica estendida en Amicos, de quen lamenta a falta de diálogo coa organización sindical e co comité de empresa.
No caso deste traballador, a dirección responsabilízao duns feitos e acomete un despedimento disciplinario que non se lle poden imputar porque non estaba ao cargo nese momento do usuario que sufriu un accidente. Para o sindicato esta decisión é unha represalia pola súa afiliación sindical e unha forma de amedrentar ao resto do persoal.
Meses denunciando a situación laboral
As delegadas sindicais levan meses denunciando ademais outras situacións laborais como as das excesivas ratios de usuarios e usuarias que teñen que atender; os cuadrantes anuais que non se respectan modificándose máis do 10% da xornada anual en moitos casos e sen o aviso previo de 5 días que establece o convenio ou que non se cubran a totalidade das baixas nin as vacacións con máis persoal, o que leva aparellado unha sobrecarga do persoal que traballa en cada quenda.
Estas condicións abusivas sono aínda máis tendo en conta o servizo que se presta no sector da atención á diversidade funcional en persoas adultas, un sector que ademais conta cun convenio con condicións absolutamente desfasadas e non adaptadas á responsabilidade que ten o persoal que exerce as súas funcións nel.
Ademais, a CIG tamén vén reclamando a implantación do Plan de Igualdade da entidade, unha ferramenta obrigatoria por lei e necesaria para garantir os dereitos das traballadoras, así como a instauración urxente do protocolo de administración de medicación ás persoas usuarias, un servizo que ten que ser realizado por persoal cualificado para a administración de certos medicamentos (inxectables intramusculares por exemplo), cuestión que non se está a cumprir e que é responsabilidade exclusiva da actuación neglixente da empresa.
Denuncia ante a inspección laboral
A CIG-Ensino, da que depende o servizo de atención á discapacidade, denunciou en reiteradas ocasións publicamente estas circunstancias pero, dada a gravidade dos feitos, levaraas de xeito inmediato pola CIG ante a Inspección de Traballo para que actúe. Está en xogo tanto o respecto ás condicións laborais e á convivencia no centro como a propia atención ás persoas usuarias que, malia a precariedade existente, se produce sempre coa mellor garantía de calidade posíbel por parte das traballadoras e traballadores desta asociación.
Cómpre lembrar que a CIG foi a organización máis votada das eleccións sindicais do pasado mes de marzo entre o persoal de Amicos, malia as claras manobras da empresa para impedilo e intentar conseguir unha maioría claramente favorable á xestión e á dirección no comité, o que finalmente conseguiron de forma que este non representa a maioría de traballadoras/es da empresa. O nivel de presión, por parte de Amicos que sufriron durante este tempo varias das persoas que conformaban a candidatura da CIG obrigounas a marchar deixando por escrito as graves irregularidades que viñan padecendo.