A CIG rexeita o despedimento dun delegado de persoal do Club do Mar da Coruña
A CIG-Servizos da Coruña quere manifestar o seu frontal rexeitamento ao último despedimento levado a cabo pola xunta directiva do Club do Mar de San Amaro. Con este, van xa case unha decena de despedimentos en menos de dous anos, dos cales, os xudicializados foron gañados e recoñecidos pola xustiza como improcedentes. Agora, hai que sumar un novo ataque á CIG co despedimento dun delegado de persoal, membro do recentemente elixido comité de empresa, no que por primeira vez as persoas traballadoras do Club do Mar deron o apoio maioritario a esta central sindical.
A CIG-Servizos critica que a xunta directiva, "representada polo seu presidente, Teto Santalla, nun novo ataque aos dereitos das persoas traballadoras, demostra outra vez dende políticas de enfrontamento e incumprindo calquera acordo coa representación social e as propias traballadoras e traballadores, que este último despedimento é para satisfacer unha necesidade presidencialista de dirixir o Club e de querer intimidar as persoas traballadoras que realizan as súas actividades profesionais dentro de Club".
Neste senso, a central nacionalista lembra que o traballador despedido conta con máis de 20 anos de antigüidade neste centro e chegara a un acordo de redución de xornada para poder desenvolver a súa actividade noutra empresa á vez que segue ao cargo da sección do equipo de natación.
Concentración o luns día 9
Diante destes feitos, a CIG ten convocada unha concentración diante das instalacións do Club do Mar para o vindeiro luns, 9 de outubro, ás 18 horas, en repulsa ao despedimento e ás actitudes da xunta directiva. A central insta as socias e socios, as compañeiras e compañeiros e as persoas usuarias e dar o máximo apoio a esta protesta.