A CIG rexeita o convenio de grandes almacéns, que supón unha importante perda de poder adquisitivo
A federación de Servizos da CIG vén de amosar o seu rexeitamento ao preacordo de convenio estatal de grandes almacéns asinado o pasado venres en Madrid porque se traduce nunha importante perda de poder adquisitivo e afonda na precarización do sector ao introducir os contratos fixos descontinuos a tempo parcial. A central celebrou ese mesmo día tres mobilizacións diante de establecementos da Coruña, Lugo e Vilagarcía para reclamar un acordo que garantise unhas condicións laborais dignas.
Dende a CIG-Servizos cualifican de “escandaloso” o acontecido na última xuntanza, “con recesos interminábeis que foron puro teatro porque o acordo estaba pactado por detrás”. En consecuencia, o sector contará cun convenio a catro anos (de 2023 a 2026) que contempla unha suba salarial do 4,5% os dous primeiros, do 3% e do 2% o último. “Todo isto adornado cun 3% dun pago único”.
Por iso a central sindical lamenta que os sindicatos estatais tilden de “histórico” un acordo que non recupera o 12,20% de poder adquisitivo perdido só en 2021 e 2022, anos nos que o IPC se elevou até o 6,5 e o 5,7% respectivamente. “Venden que no tempo de vixencia do convenio o persoal vai gañar un 17%, porque igual pensan que non sabemos facer contas”, ironizan. Con respecto aos aumentos da bolsa de vacacións, fixada en 450 euros, dende a CIG lembran que non se paga nunca, “agás aos contratos eventuais”.
Mais para a central sindical o peor do acordo é aceptación dos contratos fixos descontinuos a tempo parcial, que precarizarán máis a situación laboral das persoas traballadoras ao terse pactado que traballarán un total de 120 días ao ano, dos que 90 serán consecutivos e os 30 restantes dividiranse en dous tramos. “En consecuencia, estas/es traballadoras/es cobrarán un salario de miseria e terán que traballar cando as empresas queira chamalas/os”.
Traballo en domingos e festivos
Para rematar, lamentan que se perdese unha nova ocasión para intentar eliminar do convenio a obrigatoriedade de ter que traballar en domingos e festivos. “Os mesmo sindicatos que agora nos fan crer que conseguiron rebaixalos son os que asinaron que haxa que traballar nestes días”, censuran.
Precisamente para reclamar un acordo que dignificase as condicións laborais e en demanda dun convenio galego para o sector a CIG celebrou o pasado venres, coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación, unha xornada de loita que incluíu tres mobilizacións diante doutros tres establecementos da Coruña, Lugo e Vilagarcía.