A CIG rexeita o convenio de seguridade privada pactado por CCOO, UGT e USO, que consolida a precariedade
A CIG amosou o seu total rexeitamento ao convenio estatal de seguridade privada pactado pola patronal e os sindicatos CCOO, UGT e USO na sétima xuntanza da mesa negociadora, celebrada o pasado venres día 14.A central sindical denuncia que o acordo consolida a precarización do sector ao topar a cláusula de garantía salarial conforme ao IPC a un máximo do 2% e sen carácter retroactivo, non contempla redución de xornada nin ampliación de permisos e non equipara o plus de perigosidade.
O novo convenio colectivo, que estará vixente dende 2023 até 2026, será rubricado este venres 21 polas organizacións empresariais e polos sindicatos estatais, “que se xustificarán diante do sector da seguridade por ter un incremento histórico dun 6% no primeiro ano e dun total dun 16% na totalidade do convenio; pero onde quedaron as súas propostas de redución de xornada, creación de novos pluses, equiparación do plus de perigosidade, ampliación de permisos, etc?”, pregúntase o representante da CIG na mesa negociadora, Pedro Pérez.
O responsábel sindical incide en que a CIG demandou en todo momento un convenio “moderno, atractivo, que recuperara o perdido e que mantivera o poder adquisitivo; pero, coma sempre, non quixeron escoitar porque tiñan como obxectivo precarizar as condicións laborais do persoal do sector”.
Ao mesmo tempo, lamenta que se estea a enganar os traballadores/as, xa que só nos anos 2021 e 2022 perdérase máis do 13% do poder adquisitivo, xa os salarios ó se incrementaran un 3% a pesar da inflación salvaxe (do 6,5% en 2021 e cunha previsión de entre un 9% ou un 10% en 2022) “e agora amosaranse orgullosos/as deste 6% de incremento para 2023, do 4% en 2024, do 3% en 2025 e do 3% en 2026.
A central sindical considera “totalmente insuficiente” esta suba de soldos, “sendo inaceptábel este acordo en todos os seus termos”. Neste senso, entende que se perdeu unha “oportunidade histórica” para “modernizar e facer atractivo” o sector de cara a incorporar novos profesionais. “Non recuperar o perdido, non garantir o poder adquisitivo, non querer adaptar os pluses á nova realidade profesional, non equiparar o plus de perigosidade, non reducir a xornada, non incrementar o complemento de nocturnidade e festividade parécenos non vivir a realidade actual deste sector”.
Medidas regresivas
Pola contra, aprobar medidas regresivas como a modificación da IT ou a modificación do artigo 52.5 en relación ao cómputo de xornada de transporte de fondos e tratamento de efectivo e topar a cláusula de garantía salarial “non teñen precisamente un efecto chamada se non todo o contrario”.
Diante disto, para a CIG a vía estatal está “totalmente esgotada, podre e vendida” aos poderes empresariais do sector, "que tan só miran polos seus intereses e non en defensa dos intereses colectivos; por iso non queda outra que a apertura dunha negociación en Galiza para negociar neste ámbito un convenio digno e con dereitos, que dea unha resposta real ás necesidades e demandas das persoas traballadoras do sector no noso país”.