A CIG rexeita o convenio de Copo Ibérica ao non garantir a suba salarial conforme ao IPC

O novo acordo laboral 2023-2025 da empresa de automoción con sede en Mos foi asinado por CUT e UGT contempla tamén unha rebaixa da xornada dun día a cambio de aceptar un ERTE
Mos - 22 Dec 2023

A CIG rexeita o novo convenio colectivo da empresa Copo Ibérica, con sede en Mos, que veñen de asinar CUT e UGT xa que non garante unha suba salarial conforme ao IPC, o que se traducirá nunha importante perda de poder adquisitivo para boa parte do cadro de persoal. O acordo laboral que estará vixente en 2023-2025 contempla tamén unha redución da xornada laboral dun día a cambio de aceptar aplicación dun ERTE. 

O acordo supón unha importante perda de poder adquisitivo para boa parte do persoal

Dende a central sindical explican que o acordo establece que os aumentos de soldo pactados (4% en 2023, 4% en 2024 e 3% en 2025) calcularanse aplicando estas porcentaxes de subida sobre o salario do Grupo 7, o máis baixo da empresa tras o de novo ingreso (Grupo 8). A cantidade resultante aplicaráselle ao resto dos grupos profesionais, que deste xeito non terán garantido o IPC xa que en consecuencia a porcentaxe de incremento vai ser menor.

Artigo 35º.- RETRIBUCIÓN E MASA SALARIAL BRUTA

<<O incremento salarial para os anos de vixencia do convenio, isto é para o 2023, 2024 e 2025, será o resultado de aplicar un 4% para o ano 2023, 4% para o ano 2024 e 3% para o ano 2025 sobre o Salario Grupo e o Plus de Puntualidade da táboa salarial correspondente ao Grupo 7. A cantidade económica resultante de tal operación será o que se aplique ao resto dos grupos profesionais, que se incrementarán no mesmo importe que o Grupo 7>>.

Ao mesmo tempo, a cláusula de revisión salarial calcularase en base á suma dos tres anos de vixencia do convenio (11%), restándolle á resultante o total do IPC destes tres anos. No caso de que este fose superior calcularíase tamén en base ao Grupo 7, aplicándoselle o resultado a cada grupo, polo que tampouco garante o IPC.

Artigo 35º.- RETRIBUCIÓN E MASA SALARIAL BRUTA

<<Se o IPC real acumulado do período 2023-2025 supera o 11%, a diferencia será aboada, unha vez se constate dita circunstancia, cunha paga ao final de dito período, calculada sobre Salario Grupo e Plus Puntualidade do Grupo Profesional 7.

O importe de dita paga será consolidado e se repartirá entre o Salario Grupo e Plus Puntualidade>>.

En consecuencia, tanto CUT como UGT -que chegaron a promover unha folga durante as negociacións que finalmente non se fixo efectiva- terxiversan a realidade cando aseguran que a suba de soldos é lineal, xa que non se fai sobre o conxunto da masa salarial, polo que o custe salarial real para a empresa é moitísimo menor.

Así mesmo, o acordo non supón unha rebaixa xornada de traballo, xa que o que fan é introducir a negociación do ERTE no convenio colectivo, vinculando a súa aceptación a unha rebaixa de xornada dun día. “Esta medida é dunha especial gravidade e irresponsabilidade porque normaliza e banaliza os ERTE, unha figura utilizada polas empresas para desregularizar a xornada a costa do noso paro, dos nosos salarios e das nosas vacacións”.

Artigo 9º.- CÓMPUTO HORARIO ANUAL (ANEXO III).

<<O cómputo horario anual a realizar será de 1.752 horas por persoa traballadora para cada un dos anos de vixencia do presente convenio.

Durante a vixencia do presente convenio, e nos anos que haxa ERTE acordado co comité de empresa exclusivamente, acórdase a redución de 8 horas na xornada anual>>.

Outra das cuestión que levaron a CIG a non asinar o acordo é que non reduce a fenda salarial dentro dos mesmos grupos profesionais, polo que traballadores/as que realizan a mesma función teñen diferenzas salariais de até 400 euros ao mes. 

Introducir o ERTE no convenio a cambio dun día menos de traballo é de especial gravidade porque normaliza unha figura utilizada para desregularizar a xornada

Para rematar, dende a CIG queren deixar moi claro que “para nós o sindicalismo é unha ferramenta que permite avanzar cara a xustiza social mediante a conquista de dereitos e de melloras para a clase traballadora a través da loita e da mobilización e non un xogo de falsa retórica que ao final se traduce na asunción dos postulados da empresa, tal e como acontece neste caso coa sinatura do convenio de Copo Ibérica”.