A CIG rexeita o convenio colectivo de Povisa porque introduce unha dobre escala salarial
A sección sindical da CIG no hospital Ribera Povisa de Vigo vén de anunciar que non asinará o convenio colectivo pactado entre a dirección do centro privado e a maioría do comité de empresa ao supoñer a introdución dunha dobre escala salarial. A central oponse tamén á contratación fixa descontinua, a que se vincule a carreira profesional e a suba de soldos de 2025 ao concerto co Sergas e a que o plus de noites non estea incluído en táboas.
Dende a CIG-Povisa lembran que estiveron negociando até o último momento para intentar alcanzar un acordo satisfactorio, pero na última xuntanza, na que xa participou a dirección de Ribera Povisa, a maior parte das centrais que integran o comité -a excepción da CIG e de SGPS- amosaron a súa disposición a aceptar o chamado CRAD, que agrupa os pluses de transporte e incentivos. Para a central sindical trátase dunha medida discriminatoria que establece unha dobre escala salarial, de xeito que o persoal contratado a partir do 31 de decembro ingresará de media 100 euros ao mes menos, “aumentando así as diferenzas existentes”. Ademais, este complemento só está garantido durante a vixencia do convenio (2024-2025).
Outras das cuestións que levaron a CIG a rexeitar o acordo é a contratación fixa descontinua, xa que segundo sinalan “non ten cabida nesta empresa, xa que coas modalidades actuais de contratación (indefinida, eventual, por circunstancias da produción ou substitucións) están cubertas as necesidades”. Entenden que esta nova modalidade supón precarizar aínda máis as condicións de traballo.
A vinculación da carreira profesional e da suba de soldos do 2025 ao concerto co Sergas é outro dos aspectos do convenio que a central sindical considera moi negativo, xa que s establece que a empresa deberá ter asinado a 31 de decembro de 2024 un novo concerto distinto ao actual ou calquera das súas prórrogas. “O persoal non ten representación nesa mesa de negociación, polo que non pode influír para garantir as súas condicións laborais e salariais”.
Referendo entre o persoal
Finalmente, censuran que o plus de noites non estea incluído na táboa salarial, polo que non se atopa vinculado á suba de soldos que sexa de aplicación en cada convenio. “O acordo establece que esta cuestión deberá de ser negociada como outro punto do convenio”.
O contido do novo convenio colectivo de Povisa someterase a referendo do persoal do hospital vigués este mércores, aínda que a CIG xa amosou a súa intención de non asinalo porque inculca os principios sindicais que defende a central.