A CIG rexeita o acordo de CCOO, UGT coa CEOE e CEPIME polas “renuncias” e “concesións” a reivindicacións históricas da patronal
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario confederal de Emprego e Negociación Colectiva, Francisco González Sío, compareceron esta mañá en rolda de prensa para avaliar o V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva, asinado por CCOO, UGT, CEOE e CEPIME, o pasado día 10 de maio. Un “mal acordo”, segundo Carril, “polos seus contidos, polas súas renuncias” e porque fai concesións “a reivindicacións históricas da patronal”. Por iso, anunciaron a celebración de asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións para facer fronte á súa aplicación, o vindeiro día 1 de xuño.
Carril acusou aos sindicatos estatais de “branquear” a actual situación afondando nun modelo de relacións laborais -que arrinca coas últimas reformas, nomeadamente a 2012- “baseado na inseguridade laboral, na flexibilidade, na inestabilidade, nos baixos salarios, na precariedade, na parcialidade e na descontinuidade”, xusto nun momento de “brutal ofensiva do capital ao mundo do traballo”.
Un “mal acordo” fundamentado na “renuncia” de CCOO e UGT a “entender a loita, a mobilización e a folga” como elemento fundamental da acción sindical para “afrontar a negociación colectiva”, o que considerou que constata “como estes sindicatos practican a desmobilización, están absolutamente domesticados e entregados a unha conciliación de intereses co capital e de submisión ao poder político e económico”.
Imposición da moderación salarial
Debullando o seu contido, apuntou que establece unha vixencia temporal de 2023 a 2025, deixando fóra os anos 2021 e 2022, “precisamente nos que se ten xerado a maior inflación, dun 12,20%” polo que denunciou que se “agasallan á patronal estes dous anos, porque no acordo non se contempla ningún tipo de solución”.
Xunto a isto rexeitou os incrementos salariais pactados, porque non garanten o poder adquisitivo dos salarios, máis tendo en conta que “a revisión salarial ten un tope dun máximo do 1% e non xeraría atrasos, porque só sería de aplicación no 1 de xaneiro do ano seguinte, cando se fixese esa revisión de acordo ao IPC”. Por iso denunciou que o que se fai é “impor a moderación salarial” e, polo tanto, “contribuír a que, nun momento no que os beneficios empresariais son históricos, sexa a clase traballadora quen asuma en solitario todo o custo e incremento da carestía da vida”.
Canda isto, denunciou que se inventan o concepto “Medida Preventiva de Conflitos”, cun chamamento á paz social que considerou “unha declaración sen precedentes de desmobilización”, cando “o sindicalismo tería que estar á altura das circunstancias a través da loita e da mobilización, para conquistar melloras nas condicións de traballo”.
Modelos de contratación precaria
Apuntou que se recolle “un auténtico manual para fomentar a aplicación das medidas máis importantes dunha reforma laboral que está xerando precariedade e inestabilidade laboral”. Nese sentido, explicou que figuran diferentes propostas para actuar no ámbito da contratación que, no canto de resolver problemas, os consolidan.
Lembrou que houbo un incremento dun 800% dos despedimentos por non superar o período de proba. Un subterfuxio que as empresas están a utilizar para “implantar e impoñer o despedimento libre e gratuíto, sen ningún tipo de indemnización” e que “o que se fai é institucionalizalo”.
Denunciou ademais a ampliación de 6 meses a 1 ano do contrato de duración determinada por circunstancias de produción, que considerou “un retroceso” no combate á temporalidade. E rexeitou tamén a ampliación da modalidade dos contratos fixos descontinuos, que se teñen incrementado nun 120%. Contratos que, afirmou, provocan “intermitencia de salarios e baixos salarios” e para os que se abre neste acordo o que definiu como “combinación explosiva: ser fixo descontinuo, a tempo parcial e a través dunha ETT”.
Xunto a isto denunciou a ampliación das horas complementarias para os contratos a tempo parcial, o que considerou que fomenta “a fraude e o abuso” para evitar recoñecelos como contratos a xornada completa.
Flexibilidade so pretexto da conciliación
O secretario xeral da CIG chamou a atención respecto da literatura utilizada neste acordo, por presentar a flexibilidade como un elemento para a conciliación, cando o que fai é “impedila” e considerou insultante que “se permita o abuso desta modalidade” xusto no epígrafe referido a impacto de xénero.
Tamén rexeitou o referido a contratación da mocidade porque, xunto coa reforma da lei de Formación Profesional, pretende que esta “sirva de man de obra barata nas empresas” sen garantir a súa equiparación salarial ao posto de traballo e mantendo no tempo “ese 60% de salario, durante o primeiro ano de contrato, ou ese 85%”.
Canto ao capítulo referido aos ERTE e despedimentos colectivos, denunciou que se amplían as posibilidades xa contempladas na reforma de 2012, que permite a inaplicación unilateral de condicións de traballo, ou a imposición de ERTE por parte das empresas, sen ningún tipo de negociación real. “Neste acordo o que se fai é ampliar as posibilidades que o Estatuto dos Traballadores xa lle permite ás empresas, desde facilitar todo o proceso documental até non exixir ningún tipo de contraprestación das empresas á hora de meternos nun ERTE ou de inaplicar un convenio colectivo”.
Do mesmo xeito denunciou o fomento da mobilidade funcional e polivalente, isto é “que unha persoa faga de todo sen ter unha retribución acorde coas súas competencias” e o chamado a flexibilizar o tempo de traballo, fixando o cómputo do tempo de traballo semanal e non anual, “para que as empresas poidan dispoñer de nós, a modo de bolsas de horas”. A este respecto denunciou que “isto permite, precisamente, que poida haber esa flexibilidade horaria” que pretenden vender que é para facilitar a conciliación cando, na práctica “é a unha permanente posta a disposición ás empresas para ir traballar cando elas queiran”.
No relativo a igualdade, violencia e LGBTI, cuestionou o contido do acordo porque “só se quedan en cuestión declarativas” sen introducir “ningunha perspectiva de xénero nestas cuestións”.
Máis competencias ás mutuas como vía de privatización da sanidade pública
Foio o secretario confederal de Emprego e Negociación Colectiva, Francisco González Sío, quen denunciou o poder que se lle dá ás mutuas, ao se acordar “ampliar as súas competencias, extralimitándose e sen ter en conta os abusos que cometen a diario”. Neste sentido, explicou que “privatizan a saúde das persoas traballadoras”, recollendo, por exemplo, que poidan facer as probas traumatolóxicas.
A isto engadiu que tamén se fai un chamamento a acordos coa administración “para reducir a duración das baixas, culpabilizando aos traballadores e traballadoras de estar de baixa, cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla, porque moitas das baixas por continxencias comúns deberían ser continxencias profesionais, ao seren derivadas do propio traballo”, mais lamento que, porén, “non se fai nada para que esa situación se reverta”.
En materia de saúde laboral chamou a atención respecto de que se fale como se non houbera unha relación causa efecto das baixas coa saúde laboral ,coa propia xestión das mutuas; que non se referencie que “temos o desgraciado récord en sinistralidade laboral, en accidentes mortais, leves e graves” e que non se aborden cuestións como o recoñecemento de enfermidades profesionais, o abuso nas cadeas de subcontratación ou a propia participación das e dos delegados de prevención dentro da empresa para poder controlar as cuestións relativas á saúde laboral.
Centros Especiais de Emprego
González Sío tamén rexeitou o tratamento que se fai respecto da discapacidade, onde non se vai ao fondo da cuestión e a abordar o abuso que sofren as persoas con discapacidade nos Centros Especiais de Emprego. “Son empresas que xa traballan como subcontratas, que quedaron fóra da aplicación do convenio do sector e que, polo tanto, teñen un salario inferior, realizando estas traballadoras e traballadores o mesmo traballo que as persoas sen discapacidades”.
Fronte a isto considerou que nas propias empresas ten que se elevar a máis do 2% obligatorio por lei as persoas que teñen discapacidade na empresa principal.
Asembleas e mobilizacións
Diante da gravidade deste acordo, a CIG convoca, para o vindeiro 1 de xuño, asembleas de delegados/as en todas as comarcas e mobilizacións para chamar á loita e a mobilización e para facer fronte a aplicación deste acordo e para “conseguir o que xa conseguimos no ano 2022”, concluíu Carril. “En Galiza, grazas a loita e a mobilización foi onde o incremento salarial medio foi o máis alto do estado español, dun 4,83%, segundo o Consello Galego de Relacións Laborais, o que constata que ese é o camiño para poder avanzar na consecución de melloras para a clase traballadora”.