A CIG rexeita o acordo de CCOO, UGT e Xunta por non recoller medidas contra a precariedade no transporte
UGT e CCOO asinaron a última hora deste luns día 10 de xullo un acordo coa Consellaría de Infraestruturas e Vivenda -da que depende a Dirección Xeral de Mobilidade- no que se eliminan precisamente as dúas medidas contra a precariedade que permitirían avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector do transporte de viaxeiros/as. A CIG, porén, negouse a asinar este acordo porque deixa fóra precisamente as cuestións que provocaron o conflito.
En concreto suprimiuse a obrigatoriedade de que a persoa acompañante fora contratada pola empresa de transportes e a prohibición de ETTs, ambas cuestións que estaban comprometidas xa nas xuntanzas anteriores. Unha exclusión do texto que a Xunta xustificou en base a unha suposta “fraxilidade legal” de as contemplaren.
A CIG negouse a asinar porque, tal e como explica Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, e como así aclarou na xuntanza coa administración, “calquera acordo coa Xunta tiña que ir parello a un acordo coa patronal para darlle unha solución global ao conflito”.
Xunto a isto Pastoriza asegura que “onte non era día para asinar, porque estaban convocadas asembleas coas traballadoras e traballadores para as nove da mañá e, polo tanto, calquera cousa que se quixera acordar tiña que pasar previamente polas valoración desas asembleas, pero eles asinaron igual”.
Con todo, Pastoriza asegura que “o non da CIG estaba sobre a mesa porque as dúas medidas contra a precariedade desapareceran do acordo” e denuncia que, deste xeito, “o que tiñamos avanzado, CCOO e UGT tirárono pola borda ao asinar”.
Fóra da Comisión de Seguimento do Acordo
O responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG explica que a consecuencia desta non sinatura, “e como castigo”, matiza, “deixaron constancia en acta de que estamos fóra da Comisión de Seguimento do Acordo”. Entende que esta medida tiña como obxectivo presionar á CIG para que asinara pero “só por estar na Comisión, non imos asinar un acordo así e se quedamos fóra, non pasa nada”.
Nesta Comisión farase seguimento, fundamentalmente, ao cumprimento do acordado en materia de subrogación. Unha cuestión que aínda que si se plasma no texto, suscita dúbidas para a CIG. A este respecto Pastoriza sinala que “o volume global de emprego vai ser menor ao reducirse o número de liñas escolares, polo tanto vai a haber menos traballo polo que non queda garantido que se subrogue a todos/as”.
Xunto a isto, o representante da FGAMT-CIG lembra que unha das exixencias das centrais sindicais era que se presentaran os contratos para estudar polo miúdo o seu contido. “Os anteproxectos puidemos velos, pero non os proxectos porque nin están publicado nin os proporcionaron tal e como se comprometeran a facer”.
Isto implica que non se puideron facer estudos de custes, nin como van estar dotados economicamente os distintos conceptos, agás no relativo a salarios, onde se hai compromiso dun incremento.
Asembleas de traballadores
Xesús Pastoriza asegura que nas asembleas celebradas esta mañá, fundamentalmente nas convocadas na provincia da Coruña, onde a folga tivo máis incidencia, “as e os traballadores, mesmo as/os afiliadas/os destas organizacións sindicais, manifestaron o seu profundo malestar pola decisión de CCOO e UGT de asinar, non xa polos contidos do asinado, senón por facelo á marxe das asembleas”.
Casualmente hoxe tamén foi maior a presenza policial que en xornadas de folga anteriores, nas que, en moitas delas, non houbo ningunha. “Xusto coincidindo coa xornada na que a decisión adoptada por CCOO e UGT debilita a capacidade de presión da folga porque romperon a unidade sindical nas cuestións que nos levaron á folga”.
Xuntanza coa patronal
Para esta tarde está anunciada unha xuntanza coa patronal para tratar as cuestións do convenio pero a esta hora non está confirmado nin o sitio, nin a hora na que se celebrará, polo que “non sabemos se a vai a haber ou non”.
“As noticias que tiñamos era que había xuntanzas da Xunta directiva da patronal para ver que ofrecían, pero onte en toda a tarde non nos deron tampouco razón de nada”, conclúe.