A CIG rexeita as manobras da maioría do comité de Megasa para apartar do órgano a un delegado da central
A CIG rexeita as manobras que está a realizar a maioría do comité de Megasa -da UGT- para tentar apartar do órgano de representación o compañeiro Alberto, delegado elixido pola central nacionalista. Para lograr este obxectivo, a representación da UGT recorreu mesmo a enviar unha carta á Oficina Pública de Rexistro solicitando a baixa deste traballador como membro electo do comité. Unha actuación que non é só irregular, senón tamén ilegal.
A CIG-Industria de Ferrol lembra que a condición de representante dos traballadores e das traballadoras adquírese por elección democrática, non por concesión de ningún membro do comité, e polo tanto, a acta de delegado pertence única e exclusivamente á persoa electa, non ao órgano de representación nin ao sindicato polo que se presenta.
Neste senso, engaden que foron os traballadores e traballadoras de Megasa quen elixiron nunhas eleccións ás persoas que os/as representan, polo que o resultado que saíu desas eleccións non pode ser alterado a capricho de ninguén. Por iso, a CIG-Industria xa adianta que adoptará todas as medidas legais e xudiciais que sexan precisas para que se respecte a decisión emanada das urnas.
"É moi grave que a parte maioritaria do comité descoñeza isto, pero sería aínda moito máis grave que o tiveran feito como estratexia para sacar de diante a un compañeiro que polo seu compromiso lles pode resultar incómodo, sobre todo se temos en conta que estamos a piques de comezar a negociar un novo convenio", advirte a CIG-Industria.
A CIG non pode deixar de amosar a súa sorpresa por esta actitude antisindical, mais cando dende as últimas eleccións os delegados da central nacionalista están traballando arreo e pulando por unha unidade sindical "que é imprescindíbel se queremos mellorar as condicións laborais e sociais en Megasa".