A CIG rexeita as declaracións do alcalde de Ponteceso pondo en cuestión os dereitos sindicais e o traballo da delegada da CIG

A central exixe unha rectificación pública e respecto á liberdade sindical
Ponteceso - 04 Xun 2026

A CIG amosa o seu absoluto rexeitamento ás declaracións realizadas polo alcalde de Ponteceso durante o pleno do pasado 27 de maio. O rexedor puxo en cuestión o traballo sindical e verteu acusacións moi graves sobre unha delegada da CIG (e o propio sindicato) tentando desprestixiala -a nivel profesional e como representante unitaria do persoal- diante da Corporación local e o resto de traballadoras e traballadores municipais.

O alcalde puxo en evidencia a súa animadversión contra esta traballadora e o seu talante antisindical ao recriminarlle que faga uso do crédito de horas sindicais, o que constitúe unha clara vulneración dos dereitos laborais. O rexedor incluso chega a acusar a traballadora de abandonar o seu posto e desatender a unha persoa usuaria do SAF, cando na realidade estaba facendo uso deste crédito.

As horas sindicais son un dereito recoñecido e regulado na normativa laboral e para cuxo uso as persoas delegadas deben facer unha comunicación previa á empresa a efectos de proceder as coberturas necesarias do servizo. O crédito de horas sindicais é o tempo que teñen os e as delegadas do persoal para realizar a súa actividade na defensa colectiva dos dereitos das súas compañeiras e compañeiros.

Non se trata dun privilexio individual nin se collen a capricho, senón dunha garantía do dereito de liberade sindical, sendo un dos instrumentos que garante o exercicio efectivo destas funcións de representación. Que non existe ningunha irregularidade no uso destas horas evidénciao o feito de que non exista amoestación por parte da empresa nin denegación nas solicitudes do seu uso.

Por se non fora abondo, diante de toda a Corporación, o alcalde tamén acusou a traballadora de enviar mensaxes ameazantes a compañeiras para que non se presentaran noutras candidaturas diferentes, manifestando de xeito expreso o seu desexo de que a representación sindical no SAF de Ponteceso non pertenza á CIG. Estas palabras supoñen un ataque á liberdade sindical ao buscar condicionar a libre decisión das traballadoras a presentarse nunha candidatura e a elixir as persoas que as representan.

Resulta especialmente lamentábel que sexa un representante público, elixido democraticamente, quen poña en cuestión estes dereitos que tanto sufrimento custou conquistar. A central exixe unha rectificación pública destas palabras, que se respecten os dereitos laborais e sindicais do persoal do SAF e das súas representantes, e resérvase o dereito a exercer as accións legais que considere oportunas fronte a esta actitude antidemocrática e antisindical.