A CIG rexeita as causas aducidas por Televés para xustificar o ERE que afectaría ao 10% do persoal

Solicitan á empresa que o retire ou, do contrario, anuncian que iniciarán mobilizacións
Compostela - 03 Abr 2025

Transcorridos 20 días desde o anuncio de Televés SAU da aplicación dun ERE extintivo que afectaría ao 10% do cadro de persoal, a CIG manifesta que non está xustificado, solicita á empresa a súa retirada e anuncia que, do contrario, iniciarán mobilizacións.

No comunicado emitido manifestan que:

Primeiramente queremos xustificar a tardanza en emitir unha nota de prensa ou unha valoración do anuncio da compañía, dado que non queremos contribuír ao ruído e malestar social xerado por esta acción irresponsable da dirección da empresa, e non contribuír ao nerviosismo das traballadoras e traballadores, que foron informados en todo momento internamente do proceso.

Por outra banda, queremos valorar todo o procedemento dende a comunicación, ata a valoración en si de este ERE, ao que cualificamos como irresponsable, innecesario e profundamente inxusto.

  1. A comunicación do ERE á representación dos traballadores, publicando paralelamente unha nota de prensa corporativa anunciando tal decisión, acompañada ademais de datos económicos que anuncian beneficios de máis de 1,7 millóns de euros, é impropia de quen pretende dirixir unha empresa de modo responsable, e un insulto ao conxunto de traballadoras e traballadores da corporación.
  2. Dende a CIG xa ao principio do proceso, puxemos en cuestión as causas aducidas pola empresa para tan desproporcionado medida. E transcorridos máis de 20 días do inicio do período de consultas, baseándonos na análise da documentación aportada pola empresa e das distintas reunións mantidas, fomos afianzando mais a idea inicial de que non concorren as causas para facer efectivo este ERE. Non só iso, senón que consideramos que a aplicación do ERE nos termos que a empresa pretende aplicar, nin tan sequera busca poñer solución aos problemas que aducen, si non que somente pretende “desfacerse” de 37 compañeiras e compañeiros, como se estes fosen responsables das nefastas decisións tomadas pola dirección da compañía nos últimos tempos, das que por certo ninguén se responsabiliza.
  3. Celebramos unha asemblea de traballadores, o día 26 de marzo, na que a RLT cunha posición firme e unánime trasladamos a necesidade de facerlle á empresa retirar este inxusto ERE, tendo o respaldo de mais do 98% das compañeiras e compañeiros.
  4. Chegados a este punto, solicitamos publicamente á empresa que actúe coa responsabilidade que require esta situación e retire de modo inmediato este ERE, polo contrario, as traballadoras e traballadores en coherencia co decidido na asemblea celebrada iniciaremos as accións necesarias para lograr o lexítimo obxectivo de reverter esta situación.

Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.