A CIG rexeita a violencia policial en Colombia e a crecente represión contra a mobilización social en América Latina
A CIG manifesta o seu profundo repudio á violencia utilizada pola policía nacional de Colombia, baixo as ordes do ministro de Defensa, Carlos Holmes, e o presidente, Iván Duque, contra as manifestacións de protesta polo asasinato do avogado laboralista Javier Humberto Ordóñez Bermúdez, na madrugada do pasado día 9, morto a golpes e descargas eléctricas a mans da policía uniformada de Bogotá.
A indignación por este asasinato provocou unha resposta social contra o uso desmedido da forza polos corpos policiais, que actuou outra vez con violencia e deu como resultado 10 persoas asasinadas, máis de 140 feridas (75 por armas de fogo) e varias desaparecidas e detidas pola policía. Tamén se sabe que defensores/as de dereitos humanos que participaban en labores de verificación foron obxecto de ameazas e intimidación con arma de fogo por parte da forza pública.
A sucesión de feitos deste tipo e o incremento da violencia e constantes asasinatos de líderes sociais, está a abrir un debate en Colombia sobre a necesidade de disolución do ESMAD e a reestruturación da policía nacional. O propio Defensor do Pobo de Colombia precisou nunhas declaracións que "os procedementos policiais deben ser revisados, coa fin de reformar os modelos de actuación da forza pública", ao tempo que demandou o cese da violencia policial no país.
A CIG ve con preocupación a sucesión de acontecementos violentos que se están a dar en distintos países de latinoamérica que se atopan baixo gobernos de corte fascista e que, con total impunidade, son tapados ou manipulados pola maioría dos medios de comunicación, sen que haxa pronunciamento dos organismos internacionais nin dos países autoproclamados "democráticos".
Estamos afeitos/as a que se carguen as tintas sobre os réximes rebeldes como Cuba, Venezuela ou Nicaragua. Pero nada se critica aos goberno destes países que están a facer o uso da forza pública como forza represiva e de terror, e coa colaboración de parte da xudicatura. Así, vemos como Evo Morales é impedido para presentarse ás eleccións en Bolivia, como Correa en Ecuador, ou como antes o foi Lula no Brasil, por poñer só algúns exemplos. A lista de asasinatos e ataques é interminábel. A Central Obreira Boliviana (COB) é atacada con bombas, o mesmo que a Confederación Nacional de Mulleres Campesinas Indíxenas Orixinarias de Bolivia.
As vítimas do levantamento no Ecuador; no Brasil, líderes sociais e militantes de esquerda son asasinados e ameazados; no Paraguai segue sen esclarecerse o asasinato de dúas nenas arxentinas por parte do exército; en Chile, as forzas da orde (os carabineros, chamados "pacos", herdeiros da ditadura de Pinochet) seguen a exercer tamén unha violencia desmedida contra a contestación social e o pobo mapuche, que segue a ser represaliado e masacrado (hoxe aínda lembramos o golpe contra Allende nestas datas).
En Arxentina, a pesar do troco de goberno, segue a herdanza do goberno Macri e as lembranzas das ditaduras por parte dos corpos policiais, implicados en asasinatos e desaparicións sen esclarecer, como a desaparición de Facundo Castro ou o asasinato de Facundo Vaca.
O asasinato de George Floyd nos EUA que puido ser gravado, o mesmo que o de Javier Humberto Ordóñez, espertou a alarma social, diante dun xeito de actuación das forzas da orde que son inadmisíbeis nunha democracia e que, por desgraza, estanse facendo extensivas a moitos outros países, tamén de Europa (no Estado español temos exemplos, precisamente, estes días).
A CIG rexeita a estratexia de criminalización da protesta social, condena a actuación violenta contra os pobos e esixe o respecto á liberdade de expresión e manifestación, máis aínda cando se fan na defensa dos dereitos da clase traballadora ou dos pobos oprimidos. A central sindical denuncia tamén o silencio cómplice das institucións, tanto internacionais como da nosa contorna, que miran para outro lado diante destes graves acontecementos.
Desde a CIG, toda a nosa solidariedade co pobo colombiano e con todos os pobos de latinoamérica que son vítimas do imperialismo e a tiranía dos seus gobernos neoliberais e de corte fascista.