A CIG rexeita a privatización do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo
A sección sindical da CIG no Concello de Sanxenxo vén de amosar o seu rexeitamento público á intención do Goberno local de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar, segundo recolleron os medios de comunicación.
Dende a central din non entender o fondo desta decisión nin o motivo polo que se dá conta dela na prensa pero non á representación das traballadoras/as no organismo autónomo Terra de Sanxenxo ao que pertence o persoal afectado. Ao mesmo tempo, acusan o alcalde, Telmo Martín, de mentir cando di que van facer o mesmo que fan outros Concellos, como o de Meaño.
O alcalde minte cando di que van facer o mesmo que fan Concellos como o de Meaño
“Ten que saber que en Meaño o persoal municipal segue a ser persoal e que a empresa presta os servizos que o persoal do Concello non dá prestado por xornada e/ou horario, pero aínda así o alcalde de Meaño comprometeuse co comité de empresa a estudar a ampliación do servizo e as xornadas do persoal”.
Diante disto, consideran que a Martín non lle interesa “en absoluto” o persoal municipal, “xa que toma decisións sen pensar nas consecuencias e non vai poder dicir que lle sae máis barato, pois cando o Concello remunicipalizou o persoal de Samil en 2013 fíxoo porque aforraba cartos prestando o servizo directamente, e iso non cambiou agora”.
Finalmente, lembran que o Goberno local que preside asinou en 2019 un convenio e un acordo regulador “e vendeuno como algo asombroso, pero a día de hoxe segue sen cumprir nin un só punto”.