A CIG rexeita a persecución sindical exercida por Alu Ibérica e reclama manter os empregos e a actividade
Os secretarios das federacións de Industria de CIG, CCOO e UGT compareceron este xoves en rolda de prensa diante da fábrica de Alu Ibérica da Coruña (antiga Alcoa Inespal) para denunciar a represión sindical que a nova propiedade está a exercer sobre os membros do comité, pedir o cese inmediato desta actitude patronal e que se fagan as inversións necesarias para garantir o mantemento de todos os empregos e da actividade produtiva.
Na comparecencia, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, destacou que a solución ao conflito non pasa por abrirlle expedientes contraditorios aos membros do comité (como está a facer a dirección) "nin por imporlle sancións, nin por aplicar unha dura represión sindical, senón por facer as inversións necesarias nas fábricas, darlle ocupación efectiva aos traballadores/as e por facer as achegas financeiras que estaban acordadas".
Bouzas Aboi demandou tamén que, de non atenderse estas premisas, se proceda á intervención pública da planta por parte da administración, xa que "a fraude e o incumprimento están na venda, na adquisición e no traspaso das accións, primeiro de Alcoa a Parter e logo do fondo suízo ao Grupo Industrial Riesgo ".
Operacións que se realizaron co total pasotismo e deixamento das administracións (tanto do goberno español como da Xunta de Galiza), que avalaron esta saída e agora son cómplices do incumprimento do acordado, pretendendo ademais eludir calquera responsabilidade.
"A Xunta e o goberno español deben garantir o mantemento da actividade e dos empregos mediante a expropiación forzosa ou ben cun decreto lei expropiatorio específico, dúas solucións que son legalmente viábeis, tal e como se recolle no estudo solicitado pola CIG á Universidade da Coruña", asevera.
Finalmente, o secretario nacional da Federación de Industrial trasladou todo o apoio da CIG ao comité e ao conxunto dos traballadores/as de Alu Ibérica na súa loita e fixo un chamado a intensificar a mobilización "porque este é o camiño para lograr unha saída de continuidade da actividade produtiva e dos empregos".
Concentración diante da fábrica
Pouco despois de rematar a comparecencia, o persoal realizou unha nova protesta diante da factoría para esixir o cese das represalias, investimentos reais e un plan industrial que dote de futuro a produción de aluminio na Coruña e garanta a continuidade dos postos de traballo.