A CIG rexeita a OPA do BBVA ao Sabadell por canto supón afondar na concentración do sector, na perda de emprego e na precarización laboral
As seccións sindicais da CIG no BBVA e no Banco Sabadell reuníronse este martes en Santiago de Compostela para analizar a situación creada despois do fracasado intento de fusión e o anuncio de OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell. No encontro participaron os secretarios de ambas seccións sindicais, Miguel Fernández e Miguel Lis, e a responsábel do sector financeiro da CIG-Banca, Rosa Conde.
A CIG mantén o rexeitamento a esta nova reestruturación do sector polas implicacións que terá na destrución de milleiros de postos de traballo e nun novo peche de oficinas bancarias, "que virá a aumentar, nun chanzo máis, as dificultades da clientela no acceso aos servizos bancarios, con redución da competencia e máis atrancos ao creto, tanto para particulares como para empresas, etc.".
En segundo lugar, as seccións sindicais alertan que nas dúas entidades xa se está producindo un aumento da presión sobre o persoal e unha sobrecarga de traballo, por varias vías.
Incremento dos obxectivos de cara á asemblea xeral do BBVA
No caso do BBVA incrementáronse os obxectivos para o 2ª cuadrimestre do ano, precisamente nunha época na que comezan as vacacións do persoal. Se até o de agora xa existían moitas dificultades para o cumprimento destes obxectivos, coa suba de entre un 25% e un 90%, dependendo dos produtos a colocar, a pretensión da entidade de que o traballo de 4 meses se faga en 3, fai aínda máis inviábel acadalos, para chegar a conseguir un cumprimento que retribúa ao persoal polo seu esforzo.
Denuncian que con esta medida a dirección do banco "pretende gabarse (aínda máis) dos seus resultados para convencer a Xunta de Accionistas da súa boa xestión e de que a OPA contribuirá a conseguir incrementar aínda máis eses obscenos beneficios de dúas cifras que xa fixeron públicos este ano".
Tamén, de cara á Xunta extraordinaria de ampliación de capital do BBVA do vindeiro 5 de xullo, a dirección do banco trasladou ordes expresas de que o persoal tiña que contactar con todos os e as accionistas para que fagan delegación dos seus votos no Consello de Administración; neste momento, esta tarefa ten a máxima prioridade. A CIG acudirá a esa Xunta coa delegación de voto dos traballadores e traballadoras para manifestar a súa posición desfavorable a OPA sobre o Banco Sabadell.
Aumenta a precarización no Sabadell
No caso do Banco Sabadell, apuntan, a situación é semellante. Hai unha desmesurada presión para a venta de produtos financeiros e a consecución de obxectivos, que se incrementou nos últimos meses de xeito exponencial.
Estas presións afondan na precarización do cadro de persoal que, coa reestruturación acometida no ano 2021, xa viu como empeoraron as súas condicións laborais, con oficinas saturadas, escasas contratacións (as persoas que entran raramente quedan), e cun alto grao de baixas por enfermidade.
Parálise na negociación do convenio sectorial
A toda esta situación particular de cada entidade, engádese a paralización que se está a producir na mesa de negociación do convenio colectivo, demorada e sen avances reunión tras reunión. Para a representación da CIG esta parálise "obedece a escuros intereses para non estabelecer unha suba salarial que poida influír nas futuras negociacións dun ERE se a OPA sae adiante".
As seccións sindicais denuncian, unha vez máis, o nefasto modelo do sistema financeiro impulsado dende Bruxelas e Madrid, "que provoca que o único beneficio desta fusión sexa para os fondos de investimento especulativos estranxeiros (maioritariamente dos EEUU) que son os maiores accionistas da banca española en xeral e do BBVA e Sabadell en particular".