A CIG rexeita a nova orde que rebaixa os requisitos de persoal de enfermería nos centros de atención ás persoas maiores
A CIG-Servizos rexeita a orde publicada este venres, 13 de decembro, no DOG pola cal se modifican as condicións e requisitos de persoal para os centros de atención ás persoas maiores, no relativo ao número de persoal sanitario co que deben contar as residencias.
A central sindical e as traballadoras do sector levan anos reclamando un incremento das ratios de persoal (é dicir, do número de persoas traballadoras por cada persoa usuaria que debe ter unha residencia ou centro de día) para aliviar a sobrecarga laboral que existe (especialmente nas residencias privadas ou de xestión privatizada), e poder garantir unha atención digna e de calidade.
Porén, a conselleira de Política Social, Fabiola García, afonda no camiño da precarización e a mercantilización dos coidados, xa que na nova orde se elimina a parte que obrigaba aos centros cun número superior a 40 prazas asistidas a contar coa presenza física as 24 hora do día de persoal de enfermería.
As traballadoras do sector veñen denunciando que, de xeito habitual, nin sequera os centros con maior volume de residentes contan con presenza deste persoal sanitario durante as quenda de noite. Estas ausencias provocan que outro persoal, como as xerocultoras, se vexan na obriga de subministrar a medicación ás usuarias e usuarios, cando non teñen a cualificación nin os coñecementos para estas tarefas e co risco que isto implica.
Unha norma de 1996
A CIG-Servizos critica que as ratios das residencias están marcadas por unha norma que non se revisa dende o ano 1996 e case 30 anos despois "non se mellorou nada na calidade do servizo". Isto, a pesar de que cada vez hai máis persoas maiores e dependentes e que a Xunta está derivando a persoas con problemas psiquiátricos ás residencias da terceira porque non ten centros adecuados para atendelas.
Ademais, esta modificación nas ratios de persoal sanitario empeora as ratios estabelecidas hai ano e medio na resolución publicada pola Secretaría de Estado de Dereitos Sociais sobre os criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos á dependencia.
Precisamente, as traballadoras do sector están en loita para reclamar un convenio colectivo digno e avanzar na equiparación das condicións laborais e salariais coas que teñen as compañeiras e compañeiros das residencias de xestión directa e ao tempo reclamar un reforzo de persoal en todas as categorías.
Neste contexto, a CIG-Servizos solicitou no mes de setembro unha reunión coa conselleira para abordar a situación laboral e asistencial nas residencias privadas e privatizadas, "mais a día de hoxe seguimos agardando a que nos conteste". De igual xeito, a central iniciou unha rolda de contactos institucionais e no día de onte mantivo un encontro co grupo parlamentar do BNG que se comprometeu a levar unha pregunta na sesión plenaria da próxima semana sobre o estado do sector e as demandas das traballadoras.