A CIG rexeita a declaración como "organizacións terroristas" de seis grupos da sociedade civil palestina
O Ministro de Defensa israelí, Benny Gantz, declarou o pasado venres seis grupos da sociedade civil palestina como “organizacións terroristas”, acusándoas de ter vínculos coa Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP). Entre estas están a organización Addameer (para a conciencia, en árabe), de apoio aos presos e presas políticos palestinos e aos dereitos humanos, e Al-Haq, unha organización de dereitos humanos que traballa coas Nacións Unidas.
Con esta última organización, unha delegación da CIG tivo un encontro na última visita a Palestina, na que para explicaron a represión que estaban a sufrir os/as activistas do colectivo do profesorado pola súa folga.
Israel tamén inclúe nesta lista a Unión de comités de traballo agrícola, o Centro Bisan para a investigación e o desenvolvemento, a Unión de comités de mulleres palestinas e Defensa dos nenos internacional-palestina.
Máis alá de que a propia FPLP, un grupo de resistencia marxista-leninista (hoxe con menos presenza, polo medre de Fatah e Hamás), teña dereito a exercer a súa lexítima defensa diante dunha situación de ilegal ocupación, esta declaración constitúe un claro ataque contra a sociedade civil palestina organizada contra esa ocupación, o apartheid, os constantes abusos, e a violación reiterada dos dereitos humanos da poboación palestina por parte de Israel.
É significativo que o representante da Casa Branca, Ned Price, non se posicionara aínda ao respecto, e que manifestara “cremos que o respecto polos dereitos humanos, as liberdades fundamentais e unha sociedade civil forte son de importancia crítica para unha gobernanza responsábel e receptiva”. Ou que até un importante grupo israelí de dereitos humanos, como B'Tselem, condenara a declaración, asegurando que "é un movemento que caracteriza aos rexímes totalitarios".
Tamén Omar Shakir, director de Human rights watch para Israel e Palestina, dixo a Middle East Eye: "É un ataque descarado, unha escalada perigosa que ameaza con paralizar por completo o traballo da sociedade civil palestina ao opoñerse ao abuso dos derechos humanos israelíes".
Esta medida prohibe, de facto, as actividades das ONG palestinas e autoriza as autoridades israelís a pechar as súas oficinas, confiscar os seus arquivos activos e arrestar e encarcerar o seu persoal, así como a prohibición de financiar ou expresar calquera apoio ás súas actividades.
Addameer proporciona representación gratuíta e asesoramento legal a centos de prisioneiras e prisioneiros palestinos, moitos desta persoas nos cárceres israelís indefinidamente e sen cargos. Tamén documenta as violacións israelís e destaca o maltrato dos/as menores palestinos/as.
Al-Haq investiga e documenta violacións do dereito internacional humanitario na Cisxordania ocupada, Xerusalén Oriental e a Franxa de Gaza. O grupo di que documenta as violacións "independentemente da identidade de quen as comete".
Defensa dos nenos/as Internacional-palestina investiga, documenta e expón graves violacións de dereitos humanos contra os/as menores.
A Unión de comités de traballo agrícola apoia os labregos e labregas que se resisten ao acaparamento de terras e outros impactos do colonialismo dos/as colonos/as de Israel na agricultura e os medios de vida.
O Centro Bisan para a investigación e o desenvolvemento defende os dereitos civís, os dereitos humanos e os dereitos socioeconómicos.
E a Unión de comités de mulleres palestinas é unha organización palestina de base feminista e progresista.
Esta decisión prodúcese no contexto da campaña xeneralizada e organizada de incitación racista emprendida durante anos por Israel contra as institucións de dereitos humanos, para destruír a sociedade civil palestina e evitar a denuncia e exposición dos seus crimes e violacións diarias contra a poboación palestina (das que deberían dar conta, precisamente nestas datas, diante do Tribunal de La Haya). E deriva, tamén, da negativa da comunidade internacional, en especial a Unión Europea, que mantén os seus acordos comerciais con Israel, a imporlle graves sancións con consecuencias, polos crimes cometidos durante décadas, permitindo e alentando o Goberno israelí, que se sente con total impunidade.
Desde a Confederación Intersindical Galega trasladamos todo o noso apoio ás organizacións afectadas pola declaración, esixímoslle ao Goberno israelí a súa inmediata retirada e pedímoslle á comunidade internacional, en especial á Unión Europea, que paralicen calquera tipo de colaboración ou acordo con Israel, até que este respecten os dereitos humanos da poboación palestina. Así o demandaremos, tamén, a través da Rede sindical europea pola xustiza para palestina, da que a CIG forma parte, e en todos os foros e plataformas nas que participa a central nacionalista.