A CIG rexeita a decisión de EEUU de recoñecer Xerusalén como capital israelí e pide respectar os dereitos do pobo palestino
Este mediodía, a CIG concentrábase diante da Delegación do Goberno na Coruña en solidariedade e apoio ao pobo palestino e para rexeitar a decisión unilateral do presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, de recoñecer Xerusalén como capital de Israel. Durante a protesta, a central sindical rexistrou un escrito dirixido ao Presidente do Goberno español solicitando un posicionamento público contra a decisión dos EEUU, que se promovan as medidas necesarias para deter este proceso claramente colonizador por parte de Israel e que se fagan respectar os acordos acadados e os dereitos da poboación palestina, tanto nos seus territorios como en territorio israelí.
A protesta enmárcase nas accións acordadas tanto pola plataforma sindical europea de solidariedade con Palestina, o movemento BDS e a plataforma Alter Summit -colectivos todos dos que a CIG forma parte-, "ante os últimos acontecementos que nos obrigan, unha vez máis, a trasladar o noso apoio ao pobo palestino".
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou a "lóxica de guerra" e a política de feitos consumados escollida por Donald Trump, coa decisión de trasladar a Xerusalén a embaixada dos EEUU, recoñecéndoa así, unilateralmente, como capital do Estado de Israel. Isto supón unha nova violación de Dereito Internacional que dificulta a resolución do conflito por vías pacíficas, cando se cumpren xa 50 anos da ocupación de Cisxordania e da Franxa de Gaza, 15 anos da construción do muro de apartheid ilegal de máis de 700 km de longo, e 10 anos desde a imposición do bloqueo terrestre, marítimo e aéreo a Gaza.
Veto de EEUU na ONU
Hai dous días, EEUU utilizaba o seu dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU para bloquear unha proposición de resolución (presentada por Exipto) rexeitando a decisión de Trump de recoñecer a capitalidade de Xerusalén, que si foi apoiada polo resto dos estados membros do Consello.
A este respecto, o secretario xeral da CIG denunciou que as potencias occidentais, con EEUU á cabeza, e as súas alianzas na zona, mais tamén a propia Unión Europea e os seus estados membros, seguen colaborando e asinando acordos con Israel, dándolle apoio político, económico e militar, mirando para outro lado, hipocritamente, diante destes incumprimentos e obstruíndo a resolución do conflito por vías pacíficas e con xustiza, segundo os acordos internacionais.
"Apoiamos a poboación de Palestina e os seus movementos que loitan contra a colonización, o seu reclamo lexítimo dunha solución negociada de dous estados, segundo as fronteiras acordadas anos atrás polas dúas partes, e coa intermediación das Nacións Unidas. E apoiamos tamén a grande parte da cidadanía de Israel, que se opón á política de colonización, escalada de violencia e apartheid do seu goberno", afirmou Carril.
Chamado ás institucións
Na liña do acordado o pasado 9 de decembro na asemblea xeral da Plataforma Europea Alter Summit, no escrito remitido ao Goberno español, a central sindical fai un chamado ao Executivo de Rajoy a:
• Condenar firme e explicitamente a decisión do Presidente Trump, así como calquera movemento para impor Xerusalén como capital do Estado de Israel.
• Condenar as reiteradas accións criminais do Goberno israelí contra a poboación palestina e as continuas violacións do dereito internacional e os dereitos humanos.
• Iniciar calquera acción que permita a ambas as dúas partes negociar unha paz duradeira e cumprir os compromisos acadados.
• Facer cumprir e respectar as resolucións das Nacións Unidas sobre a colonización e o status de Xerusalén.
• Recoñecer de xeito inmediato o Estado Palestino.
• Instar as institucións europeas a sumarse a estas iniciativas e paralizar todo tipo de colaboración económica, política, militar, ou a través dos acordos asinados con Israel, mentres non se cumpran estas demandas.