A CIG revalida por sétima vez a maioría absoluta no comité do Concello de Xinzo
A CIG gañou unha vez máis, por maioría absoluta, as eleccións sindicais que se veñen de celebrar no Concello de Xinzo de Limia, obtendo 6 dos 9 delegados/as que se escollían no comité de empresa. Con este resultado a central acumula xa un total de sete maiorías absolutas, exercendo a representación nos últimos 28 anos.
A central nacionalista obtivo un total de 54 votos entre o persoal laboral municipal o que lle outorga 6 representantes, fronte aos 28 votos que sumou CCOO, que contará con 3.
Dende a CIG lembran que estes resultados tan positivos para o sindicato son froito dun traballo de máis de 28 anos, nos que a central obtivo nada menos que sete maiorías absolutas.
O persoal laboral soubo unir forzas no único sindicato que defende realmente os seus dereitos
Tras os últimos procesos de estabilización, plan de igualdade, defensa contra os ataques ao persoal con cambios arbitrarios de quendas e horarios, “a nova representación elixida comprométese a seguir traballando na mesma liña, na defensa dos intereses e dereitos de todas as persoas traballadoras do Concello”.
Finalmente, agradecen a confianza amosada polos/as empregados/as municipais no proxecto sindical que representa a CIG e trasládanlle os seus parabéns tanto aos representantes elixidos/as como ao cadro de persoal laboral do Concello, “que soubo unir forzas no único sindicato que defende realmente os seus dereitos”.