A CIG revalida a súa maioría absoluta en Leche Celta SLU no seu centro de traballo de Pontedeume
O pasado venres 18 de agosto celebráronse as eleccións sindicais no centro de traballo que a empresa Leche celta SLU ten en Pontedeume. O Comité de Empresa está constituído por 9 integrantes dos cales 5 representan ao persoal especialista e 4 ao persoal técnico. A CIG impúxose en ambos colexios electorais acadando 3 dos 4 delegados en disputa no colexio de técnicos e 3 dos 5 a elixir no colexio de especialistas, resultando polo tanto 6 delegadas electas da CIG e 3 de UGT.
A CIG vén acadando a maioría absoluta desde que se celebran eleccións sindicais en Leche Celta SLU, polo que o mantemento da maioría ten máis valor, se cabe. Desde a representación sindical quérense expresar as grazas ao cadro de persoal por renovar a confianza na central sindical.
Segundo explican, durante estes catro anos tiveron que enfrontar a unha dirección de empresa “claramente belixerante contra da nosa central sindical”. Un enfrontamento que chegou ao seu punto álxido na negociación do convenio colectivo e coa convocatoria de folga que levou parella. Porén, apuntan que “a unidade do persoal e a valentía da sección sindical da CIG levaron a bo porto o convenio colectivo e mesmo provocaron a ‘desaparición’ do responsábel de RRHH nese conflito”.
Ademais de ter que combater á dirección da empresa, víronse na obriga de soportar “unha posición altamente destrutiva da representación da UGT” que “só pretendeu ir á contra da maioría da CIG en vez de remar na nosa mesma dirección, na procura do mellor para o cadro de persoal, chegando a fuxir os da UGT do comité de folga en pleno conflito”.
Neste sentido consideran que o seu proceder “tóxico, empregando a mentira e a falsidade sobre cada acción da CIG, ao mais puro estilo trumpista e facendo da desinformación e a intoxicación a súa bandeira non fixo mais que fomentar a desunión e facerlle o xogo á patronal”.
Apesares diso, sinalan, “a maioría do persoal reflectiu nestas votacións que apoia a coherencia, a honestidade e a procura do ben común que vén sendo sinal de identidade da CIG desde o comezo da súa responsabilidade representativa na planta”.
A representación sindical reafirma, en todo caso, o seu compromiso de continuar, con máis forza aínda, no camiño de “seguir a acadar melloras importantes nas condicións de traballo do persoal da fábrica de Pontedeume, falando cos feitos e fuxindo da práctica tóxica da UGT”.