A CIG revalida a maioría absoluta no comité de Stradivarius da Coruña ao lograr 8 das 9 delegadas
A CIG vén de revalidar a maioría absoluta no comité provincial de Stradivarius na Coruña ao obter 8 das 9 delegadas que se escollían nas eleccións celebradas onte, luns 14 de novembro. Este resultado avala a acción sindical desenvolvida nos últimos anos e dáse, ademais, en pleno conflito con Inditex pola mellora das condicións salariais das traballadoras das tendas.
Hai que destacar a elevada participación rexistrada no proceso, que superou o 93%, e o apoio recibido polas candidaturas da CIG, que lograron o 86% do total de votos emitidos. Por colexios, no de persoal técnico, a central nacionalista tivo 21 votos e 2 delegadas fronte aos 6 votos que recibiu a UGT, que non conseguiu representación. No colexio de especialistas, a candidatura da CIG obtivo 63 votos e 6 delegadas, mentres que a candidatura da UGT sacou 8 votos e 1 delegada.
Máis forza para seguir traballando pola mellora das condicións
As representantes da CIG agradecen ás compañeiras e compañeiros o apoio recibido, "que nos dá máis ánimo e forza para seguir traballando na negociación con Inditex e para liderar a acción sindical dentro de Stradivarius". Neste senso, subliñan que un dos obxectivos máis inmediatos é rachar coa dinámica de negociación estatal imposta por Inditex para precarizar as condicións e conseguir -no marco do proceso negociador aberto da provincia da Coruña-, unha suba salarial digna para as traballadoras das tendas.
Xunto a isto, incrementar os pluses e da antigüidade, melloras nos horarios, reforzo da contratación para evitar a excesiva carga de traballo, un sistema de comisións xustas, redución da xornada en función da idade ou a creación de axudas sociais que xa teñen noutras empresa do grupo.
En definitiva, rematar coa precariedade que padecen as traballadoras das tendas, "que somos a cara visíbel de Inditex", e avanzar na equiparación das condicións salariais, laborais e sociais que teñen noutras empresas do grupo Inditex. E sempre, engaden, dende unha acción sindical caracterizada polo asemblearismo, a información transparente, e contando en todo momento coa participación das traballadoras.