A CIG revalida a maioría absoluta no comité de Nervión ao obter 9 representantes de 12 que se escollían
A CIG-Industria fíxose coa maioría absoluta nas eleccións celebradas este xoves en Nervión Naval Offshore (a principal auxiliar de Navantia por volume de persoal e carga de traballo) ao sacar 9 representantes dos 12 que se escollían. Deste xeito, a central revalida a maioría absoluta que xa lograra no anterior proceso electoral, o que supón un aval ao traballo sindical desenvolvido nos últimos anos.
No colexio de Especialistas, a candidatura da CIG obtivo 132 votos e 9 delegados/as mentres que a candidatura de CCOO logrou 38 votos e 3 representantes.
Cómpre destacar a elevada participación nestas eleccións (nas que só se votou no Colexio de Especialistas ao non presentarse ningunha lista no de Técnicos/as), posto que dun censo total de 270 persoas entre ambos colexios, acudiron a votar 175 (houbo cinco papeletas en branco).
A CIG-Industria de Ferrol traslada o agradecemento ao persoal de Nervión polo apoio dado ao proxecto sindical que representa a central nacionalista e expresa o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e sociais de todas as traballadoras e traballadores desta empresa.
A CIG gaña tamén as eleccións en EMPSE
A CIG tamén gañou as eleccións celebradas en EMPSE, empresa con sede no Polígono naronés do Río do Pozo, ao sacar o delegado de persoal en liza. Esta compañía ten un cadro de persoal de 28 persoas e até agora non tiña representación. Nas eleccións celebradas o mércores 21, a candidatura da CIG obtivo 14 votos fronte aos 8 que tivo a lista de CCOO.
Con estes resultados a federación de Industria da CIG segue a destacarse como primeira forza sindical na comarca de Ferrolterra, mantendo ou aumentando o número de delegados e delegadas nas empresas nas que xa tiña representación e entrando noutras que carecían dela.