A CIG revalida a maioría absoluta en Viaqua en Santiago pasando de 6 a 7 representantes no comité
Esta semana, os días 19 e 20, celebráronse en Viaqua eleccións sindicais. O martes, para o comité de empresa de Viaqua Santiago, nas que a CIG revalidou a maioría absoluta pasando de 6 delegadas e delegados e 7. O mércores celebráronse, ademais, as eleccións ao comité provincial da Coruña, onde a CIG non tiña representación e no que acadou tamén maioría absoluta, con 5 representantes de 9.
O secretario comarcal da CIG-Compostela, Pepe Maio, valora que estes resultados obedecen a que “a xente puxo en valor o traballo da nosa central sindical nestes últimos anos, fundamentalmente na negociación do último convenio”. Unha negociación na que a presenza da CIG foi esencial para conseguir un convenio que “mellora de forma substancial as condicións de traballo e que evitou a perda de poder adquisitivo”.
Agora con esta maioría absoluta, tanto no comité de Santiago como no provincial “queda un traballo importante por facer para seguir mantendo as condicións laborais, evitar recortes e facerlle seguimento ás concesións públicas”, avanza Maio.
Coa elección destes dous comités remata, ademais, a renovación de todos os comités de Viaqua de Galiza e a CIG, dos 38 delegados/as a elixir en todo o país, acada 25 o que a sitúa con maioría absoluta no comité intercentros que é desde o que se negocia o convenio colectivo. “É un moi bo resultado, non só en Santiago e Coruña, senón tamén no resto do país”.