A CIG revalida a maioría absoluta en URBASER Santiago con 5 membros no comité
A CIG vén de revalidar a súa maioría absoluta na empresa URBASER de Santiago, concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e xestión do punto limpo. Nas eleccións sindicais celebradas este mércores obtivo o 84 votos e 5 representantes no comité, fronte á STL que conseguiu 46 votos e 3 membros, mentres que CCOO conseguiu 10 votos e 1 membro.
Por primeira vez, unha muller vai formar parte, pola CIG-Servizos, do comité de empresa, dando voz a un colectivo que vai tendo cada vez máis representación neste sector na cidade de Compostela, sendo a central nacionalista a única que levou mulleres na súa candidatura.
Desde a CIG-Servizos agradecen o apoio amosado por todas as compañeiras e compañeiros e afirman que continuarán, durante os próximos 4 anos, loitando polas melloras deste persoal.
Lamentan, porén, a entrada do sindicato STL. “Un sindicato que se di que é apolítico e sen intereses partidarios pero que está sendo investigado na cidade da Coruña por presuntos cargos de corruptela para beneficios persoais de certos representantes dese sindicato”.
Desde a CIG-Servizos afirman que teñen claro que “o persoal que forme parte dun Comité de Empresa onde se negocia un convenio propio con moita conflitividade, ten que estar formado por persoas honestas con un sindicato forte e sen ningún tipo de sospeitas, xa que este tipo de situacións dan lugar a desconfianza entre o persoal, beneficiando única e exclusivamente á Dirección da Empresa”.