A CIG reúnese cos grupos parlamentarios para que demanden formación para o persoal de incendios
A CIG-Administración Autonómica reuniuse esta mañá cos grupos parlamentarios do PSOE, BNG, Común de Esquerda e Mixto para explicar o contido da Proposición non de Lei rexistrada o pasado martes, 14 de xaneiro, para a formación do persoal do servizo de extinción de incendios da Xunta de Galiza para avanzar cara unha maior profesionalización.
Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, desde o BNG comprometéronse a presentar unha iniciativa parlamentaria para o desenvolvemento dun plan formativo e de certificación profesional para facer un servizo profesionalizado e versátil para o apoio en continxencias no medio natural e rural.
Pola súa banda o PSOE manifestou o seu apoio á iniciativa e a utilización de todo o servizo para apoio en continxencias, tal e como propón o informe del comité de expertos, entendendo que a clave é a formación para todas as certificacións homologadas e a versatilidade na multiemerxencia no medio rural.
No mesmo sentido, o Grupo Común de Esquerda comprometeuse tamén a presentar unha iniciativa para a formación regulada do persoal do servizo de incendios. Propuxeron ademais estudar a adaptación dos currículos formativos de enxeñería de Montes, Técnica e ciclos para incluír estas competencias.
O Grupo mixto, pola súa banda, xa presentou directamente a iniciativa da CIG de formación para o servizo de incendios.
Xunto a isto, desde a CIG-Administración Autonómica solicitouse ademais aos grupos que “interveñan no pleno e cuestionen á Xunta e ao goberno do PP por negar a compatibilidade ao persoal fixo descontinuo e non permitirlle traballar nos períodos de descontinuidade tanto nos concellos como na empresa pública SEAGA”.
PNL para formación
A CIG-Administración Autonómica decidiu promover esta Proposición Non de Lei porque a Xunta “está a vender futuras planificacións e incluso unha nova lei de incendios mentres non cumpre os acordos acadados e non avanza na formación do seu persoal”.
Neste sentido, a responsable nacional do sector da Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, xa sinalou no momento do seu rexistro que é necesario comezar xa a preparar seriamente ao persoal de cara ás continxencias relacionadas cos incendios forestais e as emerxencias ambientais”.
Xunto a isto insistiu en que desde a central sindical séguese a loitar pola formación como “piar básico para a profesionalización e estabilización do SPIF”. Por ese motivo, ten presentado numerosas iniciativas que teñen como obxectivo conseguir que o Servizo de incendios teña a formación máis axeitada consonte ás súas peculiares características.
Módulos formativos
A Proposición Non de Lei que vén de ser rexistrada pretende que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a “implantar os módulos formativos correspondentes á cualificación profesional SEA596_3 de coordinación en operacións de incendios forestais e apoio en continxencias no medio natural e rural”.
Estes módulos van dirixidos a axentes forestais, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, coordinadoras/es de unidades de prevención e extinción de incendios forestais, xefe/a de unidade de prevención e extinción de incendios forestais, e engadimos a todo o persoal do SPIF que teña xa o certificado de nivel 2 SEA 595_2
Xunto a isto, reitérase a demanda, á Xunta, de que se imparta, ao persoal do SPIF a formación correspondente aos módulos das cualificacións profesionais SEA595_2 e SEA596_3.
Os obxectivos desta formación son os seguintes:
- Mellorar o desenvolvemento das operacións de emerxencia referidas aos incendios forestais, e o apoio a continxencias no medio natural.
- Obter a certificación correspondente superior esixida, a SEA596_3
Burgos subliña que a formación requirida “non é obxecto da improvisación”, xa que o SPIF ten plenamente xustificado o seu encaixe normativo coma servizo de emerxencias por varias vías, entre as que apunta o RD624/2013 do 2 de agosto e a Lei 17/2015 do 9 de xullo de Protección Civil - lexislación básica-.
“Na CIG seguimos a defender que todo o persoal do SPIF teña a mellor formación posíbel para mellorar a súa seguridade, profesionalización, estabilidade e para a mellor asistencia a toda a poboación do rural galego diante da emerxencia climática”, concluíu.