Unha delegación da CIG encabezada polo seu Secretario Xeral, Paulo Carril, acompañado por Anxo Brao, un dos traballadores despedidos e por Inácio Pavón, responsábel de transportes da CIG de Compostela, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e co Concelleiro de Mobilidade, Xan Duro para lles trasladar a situación que se está a dar co despedimento de traballadores que tiñan dereito á subrogación no novo contrato do transporte urbano.
No decurso da reunión deuse conta de como desde a CIG se entende que estes despedimentos constitúen unha persecución sindical inaceptábel e de extrema gravidade ao terse orquestrado unha montaxe para darlle forma de sancións que os xustificase.
Sobre este particular trasladáronse elementos de proba que o demostrarían e que, por outra parte, non se farán públicos até a celebración dos xuízos para garantir o éxito do proceso. Nas demandas solicítase, ademais da nulidade dos despedimentos, a condena por vulneración de dereitos fundamentais que, de ser estimada, implicará que a central sindical valore a posibilidade de solicitar que se apliquen as penalidades ou mesmo a extinción do contrato desta operadora por vulneración grave da lexislación laboral.
Os representantes da CIG denunciaron a sucesión de incumprimentos e abusos laborais e que Monbus tenta, con estes despedimentos, inducir o medo entre o cadro de persoal de cara ao novo contrato. Lembrando ademais a recente sucesión de requirimentos da Inspección de Traballo e a falta absoluta de información por parte da empresa sobre o proceso de subrogación.
Por todo isto pediuse a implicación do Concello e dos seus responsábeis mediando coa empresa, algo ao que se comprometeron, para conseguir unha solución que a CIG entende que non pode ser outra que a readmisión dos traballadores despedidos e a súa reincorporación inmediata ao servizo.
Subrogación co novo contrato e falta de persoal de condución
Os pregos do novo contrato do transporte urbano inclúen un listado coas persoas traballadoras que teñen dereito á subrogación e, polo tanto, a pasar ao novo servizo. Dáse a circunstancia, ademais, de que nos pregos do novo contrato do transporte urbano de Santiago, establécese tamén a necesidade de contar cun cadro de persoal de 165 condutores e condutoras, cando até o de agora, entre as diferentes empresas que están prestando actualmente o servizo, non supera os 130.
Desta maneira, Monbus despide traballadores con experiencia ao tempo que non conta co persoal necesario para comezar o servizo. De feito, neste momento está desprazando a Santiago varias ducias de traballadores doutras empresas do grupo empresarial doutras partes do estado para poder dar inicio ao contrato. E todo isto sen ter informado á representación legal das persoas traballadoras que descoñecen en que condicións van prestar o servizo estas persoas. E consideran ademais un parche xa que este persoal só estará aquí temporalmente.
Campaña pola readmisión e de denuncia da presión laboral
A CIG tamén lle anunciou aos responsábeis municipais o inicio dunha campaña de información nas cabeceiras das liñas, recollida de sinaturas e reunións coas asociacións de veciños e veciñas para dar traslado da gravidade da situación e recabar o seu apoio. Nesta campaña, ademais de explicar os despedimentos, farase fincapé especial na presión e estrés laboral ao que se ven sometidos os condutores e condutoras.
Polo tanto, de non producirse a readmisión darase, con esta campaña, continuidade ás accións xa realizadas para denunciar os despedimentos, programando un calendario de mobilización e explicación social sostido no tempo, como mínimo, até a celebración dos xuízos e que se poderían alongar aínda máis no caso de haber recursos.