A CIG retomará as protestas contra Ilunion unha vez que o centro da ONCE intensificou o acoso aos seus representantes

Convoca unha concentración este mércores 11 en Vigo ás 11:00 horas
Vigo - 05 Dec 2024

A CIG anunciou hoxe que retomará as mobilizacións para rexeitar o acoso laboral contra os seus representantes en Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego do grupo ONCE, unha vez que a dirección está a intensificar as sancións coa vista posta na próxima celebración de eleccións sindicais. De xeito que para este mércores 11 de decembro ten convocada unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo ás 11:00 horas.

Dende a CIG-Industria sinalan que Ilunion, que contrata persoas con discapacidade para que presten servizo nas principais empresas da automoción viguesas e ourensás, continúa coa campaña represiva posta en marcha contra os seus representantes no comité de empresa (integrado por 10 delegados/as da CIG e 7 de UGT). Unha campaña baseada en ameazas, coaccións e sancións que se iniciou unha vez a central sindical comezou a denunciar a explotación laboral e a precariedade que padece o persoal contratado por Ilunion. 

A campaña represiva contra a CIG conta coa complicidade da UGT na empresa

A CIG leva varops anos desenvolvendo mobilizacións tanto para poñer enriba da mesa a situación destas persoas traballadoras (con salarios inferiores aos do sector, sometidas a altos ritmos de traballo e sen que se lles ofreza a formación obrigatoria) como para rexeitar a represión que exerce a dirección da empresa contra os seus delegados/as coa complicidade da UGT. Agora, coa celebración de eleccións sindicais o ano que vén, Ilunion decidiu intensificar as ameazas, as coaccións e as sancións, até o punto de que o presidente do comité -da CIG- xa recibiu tres moi graves.

Precisamente grazas ao traballo sindical da representación da central en Ilunion a empresa veuse na obriga recentemente de transformar en indefinidos contratos eventuais e fixos descontinuos, en cumprimento dunha resolución da Inspección de Traballo tras a denuncia presentada pola CIG. E con anterioridade a Sala do Social da Audiencia Nacional española anulara o III Plan de Igualdade da compañía tras o conflito colectivo interposto pola central sindical por vulneración do dereito de liberdade sindical.