A CIG retoma as protestas para esixir a readmisión do seu delegado no comité de empresa de Barreras
A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria retoman as mobilizacións para esixir a readmisión de Rafa Pérez, o seu delegado no comité de empresa de Hijos de J. Barreras SA, cunha concentración que terá lugar diante das instalacións do estaleiro vigués este mércores día 29 ás 10:30 horas.
Este nova protesta chega despois da celebrada o pasado mes de agosto coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión do compañeiro, polo que o xuízo na que a central sindical reclamará a nulidade do despido terá lugar no mes de xaneiro.
Para xustificar a súa decisión, a empresa imputáralle dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar unha ocupación simbólica das instalacións do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o protocolo covid.
Cuestións que o propio Pérez afirma que son absolutamente falsas e que a empresa inventou para despedilo, nun claro caso de represión sindical, xa que tal e como lembra o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “o despedimento responde ao intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a crise que atravesa o sector naval na comarca de Vigo e a nosa esixencia ás administracións de que actúen para evitala”.
Despedido por correo electrónico
O representante da CIG en Barreras recibiu a comunicación do despedimento o pasado 2 de xullo por correo electrónico e mediante burofax. Comunicación na que, ademais, a empresa indicaba que lle restrinxía o seu acceso ás instalacións.
Por iso dende a central sindical anuncian que esta non será a última mobilización que van convocar en demanda da súa readmisión, contra a represión sindical en Barreras e para reclamar das administracións que interveñan para frear a crise que azouta o sector naval da ría de Vigo.