A CIG responsabiliza os gobernos da precariedade laboral que padecen as mulleres
A secretaría das Mulleres da CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, a campaña arredor da que conmemorará este ano o 8 de Marzo. Unha data que, tal e como explicou Nicolasa Castro Monteiro, secretaria das Mulleres, a central sindical quere recuperar “como xornada de loita polos dereitos das mulleres traballadoras”. Con este motivo anunciou a convocatoria de mobilizacións en 21 localidades para “chamar a atención sobre a responsabilidade dos gobernos dos diferentes ámbitos na situación de desigualdade que seguimos padecendo as traballadoras en Galiza”.
Xunto a isto, presentouse o Informe anual sobre a “Situación laboral das Mulleres en Galiza. 2021”, no que se constata o dobre custo que para as mulleres tivo a pandemia, porque, tal e como explicou Natividade López Gromaz, responsable do Gabinete Técnico, por unha banda “víronse obrigadas a facerse cargo das persoas dependentes”e, pola outra, xa partían dunha situación máis precaria.
Neste sentido, Castro Monteiro lembrou os paros e as folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021, que puxeron o foco na reivindicación da valorización dos traballos de coidados e como a pandemia “puxo de relevo a importancia destas tarefas desempeñadas maioritariamente por mulleres”.
Por iso denunciou que “seguen sen se acometer medidas para eliminar a precariedade que é consubstancial á maior parte destes traballos: empregadas do fogar, traballadoras de centros da terceira idade, servizo de atención a domicilio…”. Unha precariedade que persiste “tras varios anos de reformas supostamente ‘progresistas’, que nos venden como ferramentas útiles para acadarmos a igualdade” e que, concluíu, “segue tendo rostro de muller”.
Servizos públicos de atención ás persoas e valorización dos traballos de coidados
Diante desta situación a secretaria das Mulleres reclamou o reforzo dos servizos públicos de atención ás persoas e a valorización dos oficios relacionados cos coidados. “Un negocio para empresas privadas que priorizan o lucro á costa dos dereitos das traballadoras e da saúde e benestar das persoas”, afirmou. E subliñou que precisamente a campaña ten como obxectivo “interpelarmos directamente as institucións, as empresas e os gobernos para que se efectivicen políticas de igualdade que dean resposta ás necesidades das mulleres traballadoras”.
Considerou que “non ten xustificación que unha reforma laboral dun goberno considerado progresista careza de perspectiva de xénero e manteña as medidas de precarización impostas pola reforma do PP de 2012, mantendo o despedimento case de balde, a desregularización da xornada e as dificultades para escoller o horario das reducións, incorporando novos contratos de formación e prácticas que impiden a estabilidade e un novo contrato fixo-descontinuo en sectores moi feminizados”.
Denunciou que non se deron pasos cara a un novo modelo retributivo, con igual salario para traballos de igual valor; que non se adoptaron medidas que contemplen compensacións económicas “para compatibilizarmos traballo e coidados” e que se continúa penalizando na carreira profesional polo tempo dedicado ao coidado de crianzas e dependentes. Mais tamén denunciou “que continuemos con dificultades para favorecer adaptacións de xornada para poder conciliar” e que falta vontade para converter en ferramentas útiles os plans de igualdade “ao non fixar mecanismos de control e sanción para obrigar ao seu cumprimento”, como tampouco para avanzar na prevención e control do acoso no traballo.
Diante desta situación, Castro Monteiro clamou contra a “carreira de obstáculos” que é a vida laboral das mulleres, que “fai que cheguemos á vellez sendo máis pobres que os nosos compañeiros”. E tamén aquí considerou que “se loce o goberno “progresista” coa pretensión de ampliar a vida laboral, como ten anunciado o ministro do ramo, co que se provocará unha fenda das pensións aínda maior”.
Vida digna en igualdade
A secretaria das Mulleres da CIG chamou a reivindicar, neste 8 de marzo “unha vida digna e en igualdade para as traballadoras de calquera idade e oficio”, tamén para as máis novas, que “seguen emigrando mentres padecemos unha crise demográfica insoportábel”.
Denunciou a perda de capacidade económica pola enorme carestía de produtos básicos, como a luz ou os alimentos. Advertiu que “non imos permitir que se nos prive da atención axeitada nuns servizos públicos de calidade” e incidiu en que “os servizos públicos son esenciais, non só para o benestar da sociedade senón, sobre todo, porque nos facilitan manter a actividade laboral remunerada fóra da casa e ademais porque crean traballos en condicións dignas para moitas mulleres que traballan nos coidados, na saúde ou no ensino”.
A pesada carga dos coidados
Foi a economista da CIG, Natividade López Gromaz, a encargada de presentar os demoledores resultados do Informe sobre a “Situación Laboral das Mulleres en Galiza. 2021”, elaborado comparando os indicadores dese ano cos de 2019, xa que o ano 2020 foi “atípico” porque unha parte importante da poboación estivo confinada e mesmo se chegou a paralizar a actividade económica de moitas empresas.
Deste xeito, e segundo a EPA, as mulleres están moi lonxe de acadar a situación que tiñan antes da pandemia porque das 12.900 persoas en activo menos que en 2019, o 68,2% son mulleres; das 10.100 persoas ocupadas menos, o 73,2% son mulleres e das 18.500 persoas inactivas máis, o 60% son mulleres.
López Gromaz explicou que no ano 2021 a taxa de actividade feminina situouse no 48,3%, 8 décimas menos que en 2019 e a 8,8 puntos porcentuais da taxa de actividade masculina. Pero matizou que “a medida que aumenta a idade das persoas, tamén a distancia entre as taxas se vai incrementando polo peso dos coidados, que fai que as mulleres teñan que se ir apartando do mundo laboral”.
Ademais, foi tan forte a perda de ocupación feminina no ano 2020, que a pesar de incrementarse moito máis que a masculina no ano 2021, continúa sendo dun 1,4% menos que en 2019. De feito, respecto dese ano, o 73,4% do emprego que se perdeu en Galiza foi entre as mulleres.
A taxa de feminización no sector Servizos é do 56,5%, onde máis emprego se perdeu
Segundo Gromaz a taxa de feminización no sector Servizos é do 56,5%, que foi precisamente onde máis emprego perderon as mulleres, aínda que na rama téxtil notouse especialmente e estímase que hai 3.300 ocupadas menos que en 2019.
A taxa de feminización máis alta estímase en “actividades sanitarias e servizos sociais”, onde o 78,1% son mulleres. Tamén destaca en “educación”, onde representan o 69,8% do total. Pero produciuse unha forte caída das mulleres asalariadas no sector privado, 10.000 menos, e foi o incremento do emprego no sector público, o que fixo que a destrución de emprego non acadara valores máis elevados.
Temporalidade nunca vista no sector público
A responsable do Gabinete de Economía da CIG explicou que mentres a taxa de temporalidade xeral alcanza o 24,5% da poboación asalariada, a das mulleres é do 26,8%, mentres que entre os homes foi do 22,2%. A diferenza entre ambas taxas era en 2019 de 2,7 puntos. Porén, en 2021 acadou os 4,6 puntos.
En 2021 asináronse 421.968 novos contratos a nome de muller, o 94,8% temporais
Ademais, a temporalidade no sector público acadou cifras nunca vistas: 10.300 persoas con contrato temporal máis, pasando do 25,6% ao 29,2%. Porén entre as mulleres acadou o 33,5%, mentres que entre os homes foi do 22,9%, 10,6 puntos de diferenza.
A alta temporalidade vén acompañada dunha escasa duración dos contratos. En 2021 asináronse 421.968 novos contratos a nome de muller dos que o 94,8% foron temporais. Preto do 30% cunha duración inferior a unha semana e un 43% inferior ao mes. Así, en conxunto, 115.100 mulleres con contrato temporal repartíronse 399.959 contratos, o que dá unha media de 3,5 contratos por muller.
E non só iso, o 21,8% das mulleres, fronte o 6% dos homes, teñen contratos a xornada parcial e mentres no ano 2019 as mulleres subscribían o 75,2% destes contratos, no ano 2021, foron o 76,7%. A este respecto, López Gromaz chamou a atención sobre o feito de que un 52,2% das mulleres alegaron que non foi por unha escolla persoal, senón por non atopar traballo a xornada completa, mentres que o 20% alegaron por coidado de dependentes, fronte a tan só o 4% dos homes.
O 46,7% das mulleres obtiveron ingresos inferiores ao SMI
Tal e como explicou López Gromaz, os datos relativos a ingresos proceden da Axencia Tributaria e fron extraídos da última declaración de IRPF presentada, que foi a do ano 2020. Trátase pois, como especificou, de ingresos reais e de aí tírase que a fenda salarial de xénero situouse no 19%, 1,5 puntos porcentuais menos que no ano 2019. Unha diminución que atribuíu ao feito de que foron maioritariamente mulleres as que estaban en actividades esenciais e homes os que estaban en ERTE.
O 46,7% das mulleres obtiveron ingresos inferiores ao SMI, fronte ao 32,5% dos homes
Malia isto as diferenzas de ingresos son notables xa que as mulleres representaron o 47,7% do total da poboación asalariada, porén, entre as persoas que non acadaron o SMI, a presenza das mulleres foi 15 puntos porcentuais superior á dos homes. “A partir desde nivel de ingresos comeza a distancia a favor dos homes, incrementándose a medida que medra o nivel de ingresos”, explicou. E tanto é así que no último tramo, a diferenza é de 64,8 puntos porcentuais.
Deste xeito, o 46,7% das mulleres obtiveron ingresos inferiores ao SMI, fronte ao 32,5% dos homes. Pero é que, ademais, no ano 2020, 113.805 mulleres asalariadas en Galiza tiveron uns ingresos inferiores aos 3.000 € brutos anuais. Un colectivo que se incrementou nun 8,8%, converténdose no segundo máis numeroso, xa que o primeiro é o de ingresos entre a metade e o SMI: mulleres con ingresos entre 3.000 e 10.079 euros.
Entre os factores que inflúen a economista da CIG apuntou os xa sinalados: rama de actividade, tipo de contrato ou tipo de xornada, entre outros.
Ademais afirmou que “en ningún grupo de idade a fenda desaparece”. Os valores máis baixos danse entre os 26 e os 35 anos, mais aínda así segue sendo do 12,5%, e até máis alá dos 45 anos as mulleres non acadan a media de ingresos galegos, mentres que no caso dos homes acádase 10 anos antes.
A maior taxa de feminización, maior fenda de xénero
Xunto a isto López Gromaz apuntou que “a maior taxa de feminización, maior fenda de xénero”, agás na rama de “servizos sociais” que engloban a educación e sanidade, onde a taxa de feminización é do 64,7% e a fenda do 17,3%. Porén na rama “outros servizos persoais e de ocio”, onde a taxa de feminización é do 59%, a fenda de xénero é do 31,4%.
Por iso especificou que “a fenda salarial débese non só ao salario, senón tamén ás condicións laborais: maior temporalidade, alta rotación no emprego ou maior porcentaxe de xornadas parciais”. Fenda que se sitúa nun 34,5% no caso das mulleres pensionistas que dispoñen de 376,18 € menos ao mes que un home pensionista.
Máis unha vez se cumpre o dito de que a pobreza ten rostro de muller. Tal é así que o 20,05% das mulleres estaban en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza en 2020, mentres que o 18,9% eran homes e, de feito, o 60% das perceptoras da RISGA son tamén mulleres.