A CIG responsabiliza ao alcalde de Vigo do peche, por oitavo día consecutivo, do parque de bombeiros de Coruxo
A CIG denuncia que o Parque de Zona de Bombeiros de Coruxo leva pechado 8 días consecutivos completos e que “é máis que posible que a partir das 22 horas de hoxe continúe pechado”. Responsabiliza á corporación municipal e, nomeadamente ao seu alcalde, Abel Caballero do “caos organizativo”, polo atraso nas ofertas de emprego.
A CIG insiste na extremada situación de risco que isto está provocando non só para os e as cidadás de Vigo, senón tamén para os integrantes do propio servizo. “É mais que evidente que están comprometidos seriamente os tempos de resposta perante unha emerxencia por parte do SPEIS”, explican, advertindo de que “o numero de efectivos diminúe tamén a contundencia necesaria nos primeiros momentos de calquera tipo de incidencia”.
Responsabilidade do goberno municipal
Desta situación responsabilizan á corporación municipal, co seu Alcalde á cabeza por “crear esta situación de caos e colapso organizativo do SPEIS, resultado dun crónico atraso na convocatoria das diferentes ofertas de emprego, amparándose para poder facelo en manter dunha forma prologada no temo de un servizo a base dos servizos extraordinarios”.
Lamentan, por iso, que esta corporación municipal “non invista a enerxía precisa en resolver este gravísimo problema” e solicitan que lle dedique “polo menos, a mesma intensidade que lle dedica á organización de eventos de carácter mediático e festivo” porque “a situación é seria e require dunha pronta e definitiva solución”.
A CIG agarda que este colapso organizativo “non teña fatais e irremediábeis consecuencias para ninguén”.
Xornada e reforzos
Respecto do acordo sobre a xornada e reforzos aprobado en Xunta de Goberno, o pasado día 9 de agosto, explican que a CIG, como integrante de pleno dereito da mesa de negociación, votou en contra polas seguintes consideracións:
- Non recoñece a xornada real dos integrantes do SPEIS como funcionarios de carreira, da mesma forma que o resto dos traballadores/as do concello de Vigo, nin o dereito ao desfrute dos integrantes do SPEIS da pausa establecida por lei por cada fracción de 8 horas.
- Non resolve de forma áxil ( curto e medio prazo) o colapso organizativo do SPEIS xa que, para iso, serán precisos entre 5 e 6 anos para contar co cadro de persoal proposto pola mecánica e prazos precisos, de acordo coa lei, para poñer en marcha as diferentes convocatorias e porque están tamén supeditadas, ano a ano, á lei orzamentaria de carácter estatal.
A CIG advirte de que esta prolongación no tempo dunha solución real “aumenta o risco de exposición e carga de traballo dos integrantes do SPEIS, nun contexto dunha profesión eminentemente perigosa”.
- Logo dunha desastrosa historia, contrastada e demostrada, de aposta polas horas extras en formato cronificado por parte da corporación Municipal, volvémonos atopar no punto de partida, de ver como, novamente, a administración municipal volve xogar co “ fogo”. Refírese isto ás horas extras, co grandísimo perigo da súa perpetuación no tempo e a reprodución de automatismos e ciclos viciosos.
Desde a GIG anuncian ademais que se están a estudar as diferentes vías de carácter xudicial para invalidar o referido acordo.