A CIG responderá con contundencia se son sancionadas as súas representantes en ENAIRE
O secretario comarcal da CIG-Compostela, Pepe Maio, o representante da FGAMT-CIG da comarca, Inácio Pavón e representantes da central sindical de empresas do aeroporto Rosalía de Castro, compareceron esta mañá en rolda de prensa para rexeitar radicalmente a acusación de “acoso laboral ascendente” de ENAIRE contra as súas representantes sindicais. Fronte a isto, ademais das accións legais pertinentes, advertiron que de ser sancionadas a CIG responderá no seu conxunto con total contundencia.
ENAIRE abriu expediente contra dúas traballadoras, delegadas da central sindical até hai días, porque, segundo a empresa 100% pública dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, terían acosado ás súas responsables no departamento de recursos humanos.
“O mundo ao revés” para Pavón que cualificou a acusación de “absurda” e que considerou un ataque de “extrema gravidade” que podería rematar co despedimento destas traballadoras porque, segundo explicou, a realidade é que se produciu unha “vulneración sistemática de dereitos sindicais desta central sindical a través das nosas delegadas, o que é tamén unha vulneración dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras desta empresa no centro de traballo de Santiago”.
Vulneración de dereitos lingüísticos
Foi o representante da CIG en AENA, Pablo de Prado, que concretou toda unha sucesión de vulneracións por falta de información e de resposta fronte cuestións que afectan ao persoal do centro de traballo no aeroporto de Santiago.
Falta de información sobre cuestións relacionadas con protocolos covid de limpeza e desinfección ou coa coordinación de actividades empresariais, que tivo que obrigar a propia Inspección de Traballo a realizar, e que a empresa xustificou porque os escritos cos que se reclamaban estas cuestións estaban en galego.
Unha vulneración de dereitos lingüísticos que tamén tivo a Inspección de Traballo que requirir a ENAIRE que cesara e que aceptara os escritos no noso idioma, en xuño de 2020, e que lonxe de mudar aumentou, tal e como explicou Pablo de Prado “até o punto do total silencio ante a nosa actuación sindical”.
Acoso laboral e acoso sexual
Xunto a isto denunciou a negativa da empresa a abrir un protocolo de acoso laboral, en 2019, que máis unha vez tivo que obrigar a pór en marcha a Inspección de Traballo, que foi pechado en falso por ENAIRE e que de novo a Inspección tivo que reabrir ao detectar “falta de garantías e erros no procedemento”, ao que finalmente volveron a dar carpetazo meses despois sen garantía algunha”.
Segundo de Prado nesa investigación interna por acoso puxéronse de manifesto situacións concretas de acoso sexual sufridas por varias traballadoras, onde mesmo identificaron ao responsable e que nunca foron investigadas por ENAIRE. Algo que considerou “gravísimo” máis nunha empresa pública que depende dun Ministerio do goberno do Estado, que presume de progresismo” e que só tivo como resposta “silencio absoluto, descrédito e aumento da presión ás traballadoras”.
Foi tamén a Insección quen tivo que obrigar a actuar diante das graves situacións laborais que detectou, impoñendo a ENAIRE a realización dunha avaliación de riscos psicosociais.
Con todo, o representante da CIG en AENA lembrou que as actuacións discriminatorias contra as compañeiras veñen de lonxe. “Como mínimo desde 2012, cando as acusaron de apoiar o conflito do colectivo de controladores aereos e lles retiraron funcións e responsabilidades no seu departamento sen investigación ou procedemento algún”. Anos de “desprezos e degradación laboral que a dirección de ENAIRE lonxe solucionar, impulsaba”, denunciou.
Tres faltas “moi graves”
Por iso considerou máis grave aínda que agora sexa esa mesma dirección quen abrira un expediente sancionador imputando tres faltas moi graves ás compañeiras “responsabilizándoas de ser elas quen acosaron aos seus superiores e polo que poderían mesmo perder o seu posto de traballo”. Un expediente que asegurou que está “cheo de mentiras” e que é “absolutamente parcial”.
A este respecto denunciou que sete meses despois de que se lles comunicara a apertura dunha investigación interna encamiñada a sancionalas a elas “non tiveron ningunha información nin sobre o procedemento, nin foron entrevistadas elas nin ninguén deste centro de traballo, xa que todo se levou desde Madrid, nin se lles concretaron as acusacións. “Unha total falta de garantías e escurantismo que hai uns días se concretou na apertura dun expediente de 28 follas onde se lles acusa de todo tipo de cousas e se propoñen tres faltas moi graves”.
Resposta contundente da CIG
Diante disto o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, acusou a ENAIRE de comportarse “como unha secta” en vez de como unha empresa pública “cun mínimo de control democrático” contra o que considera un elemento estraño “para contrarrestar as denuncias de situacións laborais graves das nosas representantes que levan anos a sufrir represalias e agora son falsamente culpadas dun acoso laboral ascendente imposible”.
Advertiu que a CIG non vai permitir nin que se impida realizar o labor sindical na empresa, “nin moito menos as represalias e a represión contra as nosas representantes”. Por iso anunciou que se presentará denuncia por vulneración de dereitos fundamentais, se exixirá o posicionamento explícito do Parlamento galego, do Congreso dos Deputados, do Concello de Santiago e do propio ministro José Luis Ábalos, de quen depende ENAIRE, ademais de trasladar ao Ministerio de Igualdade a falta de investigación de casos de acoso sexual nunha empresa pública.
Lembrou que foi trasladada tamén, a través da Mesa pola Normalización Lingüsística, unha solicitude de investigación ao departamento da ONU encargado das minorías e dereitos lingüísticos, que xa requiriu toda a información e pediu explicacións ao Estado español.
Anunciou ademais que a CIG porase en contacto coas representacións do resto de empresas do aeroporto para dar unha resposta coordinada e, se finalmente existe algún tipo de sanción, advertiu que “terá unha resposta conxunta e contundente, desde a denuncia e a mobilización, de toda a central sindical”.