
A CIG remítelle ao Ministerio de Traballo as súas propostas para a suba do SMI

A CIG vén de remitirlle ao Ministerio de Traballo as súas propostas a respecto do decreto de suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), nas que lle reclama ao Goberno español que cumpra coas recomendacións da Carta Social Europea (CSE) e proceda a incrementalo para este 2025 até os 1320,04 euros mensuais en 14 pagas. Esta contía situaría o SMI no 60% do salario medio no Estado español, garantindo así o que a CSE denomina “un nivel de vida decente” para as persoas traballadoras.
A central sindical lembra que o aumento de 50 euros pactado polo Goberno central con CCOO e UGT fixa o SMI nos 1184 euros, unha cantidade que, malia a propaganda, fica aínda moi afastada do cumprimento da Carta Social Europea, ao quedar 136 euros por debaixo do que correspondería ao 60% do salario medio. Polo que empraza o Executivo e os sindicatos estatais a elevar o salario mínimo até 1320,04 euros ao mes.
Para realizar este cálculo a CIG segue os métodos do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS), recorrendo aos datos do estudio de mercado de traballo e pensións da Axencia Tributaria, xunto cos datos de ingresos salariais, e aos que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Destes datos, explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tírase que o salario medio no Estado español en 2024 foi de 30.801€/ano, polo que o soldo mínimo para este ano debera acadar os 1320,04 euros. “Con esta contía o Estado español si se axustaría á legalidade dos tratados internacionais que ten ratificado”, asevera Carril, ao tempo que lembra que está pendente de resolverse a reclamación colectiva que a central sindical presentou ante o CEDS contra o Estado español por este motivo.
Ademais dun maior incremento, a CIG defende que no decreto que determina o SMI “tería que quedar claro o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais”, xa que moitas empresas se aproveitan desta vía para deixar sen efecto a alza do salario mínimo.
Así mesmo, a central sindical segue a demandar a derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e que se utilice o SMI como único indicador público de referencia do nivel de renda para determinar as contías de calquera tipo de prestación social pública.
O Ministerio vulnera o dereito de participación institucional da CIG
Estas consideracións veñen de serlle trasladadas ao Ministerio de Traballo en resposta ao trámite de consultas sobre a suba do SMI que a Administración está obrigada a realizar coas organizacións sindicais que teñen a condición de máis representativas a nivel estatal, como a CIG. Neste senso, o secretario xeral denuncia o trato discriminatorio coa central galega, “pois o escrito do Ministerio chegou ás 21:27 horas do 29 de xaneiro, cando esa mesma mañá xa se fixera público o anuncio dun acordo con UGT e CCOO para a suba do SMI”.
Diante disto critica que, unha vez máis, o Ministerio vulnera a liberdade sindical da CIG ao non permitírselle participar nas negociacións sobre unha materia tan importante como a contía do salario mínimo. Por iso cualifica de “pantomima” o trámite de audiencia e insta o Ministerio a abrir unhas novas consultas “en igualdade de condicións e con información simétrica”, respectando os dereitos participación institucional da CIG como sindicato máis representativo.