A CIG remítelle ao Goberno por cuarta vez a proposta dunha tarifa industrial e esixe participar no debate sobre as electrointensivas
Delegados e delegadas da CIG concentráronse este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir solucións para a industria electrointensiva e apresurar a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o estatuto específico deste tipo de empresas con grandes consumos de enerxía. A urxencia desta demanda, subliñou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, segue a estar condicionada pola contra atrás para evitar a execución dos despedimentos na fábrica de Alcoa, que remata o 1 de xullo, e polo ERTE que Ferroatlántica acaba de formular.
Carril puxo o acento na grave crise industrial que atravesa o sector electrointensivo, cun forte peso en Galiza, e que é necesaria atallar de maneira inmediata e eficiente. Subliñou que atopar solucións esixe dun marco estábel para a industria electrointensiva, "xa que da importancia estratéxica deste asunto depende a industrialización, a creación de emprego e o mantemento dos postos de traballo en todas as empresas, pero neste momento, con especial incidencia en Alcoa e Ferroatlántica".
O secretario xeral insistiu no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, tanto polo que representa no PIB como por ser factor relevante na produción industrial; por iso considerou "intolerábel" que na nosa terra poidan pechar fábricas e periguen empregos a causa do prezo da electricidade "cando somos grandes produtores e exportamos o 40% da enerxía que xeramos".
Por iso mesmo, a CIG fixo entrega ao Goberno español, por cuarta vez, da proposta que elaborou para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e que recoñeza o estatuto específico da industria electrointensiva. Esta proposta xa foi remitida tamén á Xunta de Galiza, a patronal do sector e mesmo ao comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, quen manifestou non atopar ningún punto no documento contrario á normativa europea e da competencia.
Agora, "volvémoslla enviar ao Ministerio de Industria, a quen xa lla entregamos por correo electrónico e en man, dentro do prazo que ten aberto para facer achegas ao estatuto de consumidores electrointensivos recollido no RD20/2018".
Actitude sectaria e antidemocrática do Ministerio
Pero Carril tamén quixo denunciar a actitude do departamento dirixido por Reyes Maroto, que "segue negando a CIG, aínda que é a única organización sindical que ten, dende hai meses, unha proposta para as electrointensivas e a pesar de ter a condición de sindicato máis representativo, ser a primeira forza sindical en Galiza e a primeira na industria electrointensiva".
Lembrou que a CIG está sistematicamente excluída das mesas institucionais existentes sobre este asunto, tanto da que naceu en outubro con ocasión do conflito de Alcoa (e na que o secretario xeral de Industria e Pemes asegurou que a central galega sería incorporada), como na que poida existir na actualidade sobre a industria electrointensiva.
Neste senso, Carril apuntou que o vindeiro 12 de marzo, segundo confirmou o conselleiro de Industria, hai convocada unha reunión en Madrid. "Esiximos que se nos permita participar en todos os foros no que se debate sobre o futuro do sector", aseverou Carril, quen cualificou a actitude do Ministerio de "profundamente sectaria, antidemocrática, inxusta e irrespectuosa cos miles de traballadoras e traballadoras a quen a CIG representa".
Calendario de mobilizacións da CIG
A protesta deste xoves enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG ten acordado para esixir "que se adopten as políticas públicas necesarias para defender o interese xeral". Así, a central ten convocada unha concentración o 1 de marzo na fábrica de Ferrotlántica de Cee, ás 12:00 horas. Para o 10 de marzo, no marco da conmemoración do Día da Clase Obreira Galega, daráselle singularidade e especial relevancia ás demandas do sector nas mobilizacións da CIG daquelas comarcas afectadas por esta problemática (nomeadamente A Coruña, Lugo-A Mariña e Ferrol).
Así mesmo, nas próximas semanas presentaranse mocións para debater a proposta da CIG para a creación da tarifa industrial en todos aqueles concellos nos que hai instaladas empresas con grandes consumos enerxéticos. Xa no mes de abril, a CIG vai celebrar unha asemblea nacional de delegados e delegadas do sector industrial en Santiago de Compostela, ao remate da que haberá unha manifestación.