A CIG conmemora nas rúas o Día da Clase Obreira Galega reclamando traballo, igualdade e salarios xustos

A central chama a intensificar a mobilización para avanzar en dereitos e poder negociar en Galiza os nosos convenios
Nacional - 10 Mar 2025

Baixo o lema “Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos”,  a CIG conmemorou este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía para lembrar as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista Amador Rei e Daniel Niebla. Unha data significada para o movemento obreiro galego na que reivindicamos a vixencia da loita contra a precariedade, por uns salarios xustos e por defender o dereito á negociación colectiva en Galiza.

Como é tradición, a xornada comezou co acto de ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo en Ferrol, ao pé do que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a confrontar “cos gobernos español e galego e a patronal desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora non son concesión bondadosa nin nacen do diálogo social”. “Os dereitos conquístanse loitando e o tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é o tempo que perdemos en gañar dereitos”, incidiu.

Na súa intervención ao remate da manifestación da tarde no Cantón de Ferrol, Carril amosou a preocupación polos chamados dos gobernos a incrementar o gasto militar e condenou a apoloxía belicista da guerra, que responde “ás ordes dos EUA para reforzar o seu papel imperial, coa OTAN como instrumento de guerra”, nun momento no que a clase traballadora e a maioría social sofren as consecuencias dunha crecente recesión económica, “cun maior control do déficit que seguro traerá novos recortes nas políticas sociais e nos servizos públicos”.

Máis precariedade e pobreza laboral

Recortes que se suman ás medidas que se veñen aplicando dende o comezo da guerra na Ucraína e que son incapaces de frear a carestía da vida “mentres o capital segue amasando máis beneficios”. Nesta realidade, todos os indicadores públicos sobre a situación laboral e social reflicten un aumento da precariedade e da pobreza laboral, un empobrecemento dos salarios, a persistencia das desigualdade e da fenda de xénero, e un agrandamento da desprotección social. “Ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e a as mulleres”, advertiu, sinalando que nos últimos anos as rendas do traballo perderon case catro puntos de participación no PIB.

Carril atribuíu esta realidade de precariedade e inestabilidade laboral á aplicación polo goberno español das receitas neoliberais e das constantes reformas que “ou son moi insuficientes para avanzar en dereitos ou son claramente regresivas, pero presentadas con moita propaganda de progresismo”. O secretario xeral da CIG censurou que se utilice o diálogo social para branquear estas políticas e “o papel entregado á desmobilización de CCOO e UGT, mentres o capital afianza a súa axenda”.

Insuficiencia na redución da xornada e na suba do SMI

Cualificou de “fraudulenta” a redución da xornada laboral a 37,5 horas promovida polo Ministerio de Traballo, UGT e CCOO porque a xornada laboral anual media pactada na actualidade nos convenios xa está moi próxima a esta cifra e porque a redución se fai en cómputo anual, permitindo a distribución irregular da xornada, “o que de seguro significará que as persoas traballadoras non van poder saír antes do traballo”. Fronte a isto considerou que “se realmente queremos avanzar en dereitos” hai que atender a reivindicación histórica do movemento obreiro e reducir a xornada ás 35 horas á semana.

Xunto a isto, denunciou que fixar o Salario Mínimo Interprofesional en 1.184 euros/mes segue incumprindo o que marca a Carta Social Europea. Carril lembrou que a CSE estabelece que o SMI debe ser o 60% do salario medio no estado, é dicir, que no ano 2025 debería estar nos 1.320,04 euros/mes. “Pero estamos 136 euros ao mes por debaixo, por iso é unha inxustiza aplicar o IPRF ao importe do SMI cando non garante un nivel de vida decente para as persoas traballadoras”.

Para o secretario xeral, de non rectificar o acordo do Goberno, UGT e CCOO, o Estado español afondará no incumprimento da CSE co agravante de aplicarlle a tributación dun sistema fiscal regresivo que grava máis as rendas do traballo que as rendas do capital.

Políticas regresivas do PP

En Galiza, o impacto negativo de todas estas políticas multiplícanse pola acción do goberno do PP que, con formas autoritarias e antidemocráticas, impón un deseño de país ao servizo das grandes corporacións empresariais “que veñen espoliar os nosos recursos, reforzando o papel de colonia de Galiza”. Rexeitou que o PP na Xunta busque reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español, mentres agonizan máis sectores produtivos, medra a desertización industrial, a emigración e o avellentamento da poboación.

O secretario xeral denunciou que o PP está “obsesionado” coa privatización dos servizos públicos, do ensino, da sanidade e coa mercantilización da dependencia, “nun país que segue sen ter un sistema galego público de atención ás persoas maiores e dependentes”.

Dereito a negociar os nosos convenios

Nesta realidade, resulta fundamental exercer con normalidade o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, coas solucións máis acaídas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica. Salientou que “recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais e sen a participación das persoas traballadoras”.

Con este obxectivo, incidiu en que está na nosa capacidade de organización sindical e loita “podermos negociar aquí e non en Madrid” e frear o retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social- estatalización. “É fundamental intensificar a loita e mellorar a acción sindical para conquistar dereitos e conseguir políticas alternativas ante os Gobernos e a patronal”, concluíu.

A chama acesa do 72

Na mesma liña, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, recalcaba pola mañá, ao pé do monumento ao 10 de Marzo, que precisamente os traballadores e traballadoras de Bazán no ano 72 reivindicaban un convenio propio e que “hoxe, 53 anos despois, grazas a tenacidade da CIG, dentro desas mesmas murallas e tamén en Fene, estase debatendo rachar co convenio estatal”.

Lamentou que en contra desta proposta está a empresa, mais tamén “e con desaforada visceralidade, todo o sindicalismo españolista, dende o máis moderado até o máis radical, dende CSIF até CGT, pasando por UGT e CCOO”. As mesmas centrais que, pouco antes da ofrenda de homenaxe da CIG, participaron “sen ningún rubor, no acto institucional en compañía de quen non renega do franquismo, ou sexa, dos asasinos de Amador e Daniel”.

“Por moito que lles pese, saia ou non saia o convenio propio para Navantia na Ría de Ferrol, a chama está acesa de novo e non hai marcha atrás”, afirmou Grandal, pondo en valor que “estes son parte dos triunfos do sindicalismo nacionalista”.