A CIG reivindica medidas urxentes e reais para reverter a situación límite da Atención Primaria
A CIG-Saúde mobilizouse este xoves na Consellaría de Sanidade para exixir medidas urxentes e reais fronte a situación límite da Atención Primaria que afecta tanto ás condicións laborais como a calidade asistencial que se presta. Na protesta, que se realizou no marco da xornada de folga convocada pola CIG para todas as categorías dos centros de saúde e PAC, denunciouse a falta de persoal que se arrastra dende hai anos, a sobrecarga laboral, as axendas imposíbeis e o incremento da burocracia que deixa menos tempo para atender as persoas “como merecen”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, salientou que son as traballadoras e os traballadores quen está sostendo día tras día “co seu esforzo, a súa profesionalidade e o seu compromiso” a Atención Primaria. Pero “hai que abordar dunha vez por todas as axendas, as listas de agarda e cales son os recursos de persoal que ten que haber en cada un dos centros de saúde do país”, demandou.
Criticou a falta de negociación e solucións por parte da Consellaría de Sanidade que non leva á Mesa Sectorial ningunha das problemáticas do primeiro chanzo da sanidade pública, senón que se limita a crear grupos de traballo nos que a representación sindical non participa, “que o único que fan é atrasar máis aínda a aplicación das medidas necesarias e que veñen cunhas conclusións pechadas”.
Reducir a sobrecarga, reforzar o persoal e mellorar as condicións
Entre as actuacións máis urxentes, reivindicou a redución da sobrecarga asistencial e a limitación das axendas; o reforzo de persoal en todas as categorías; a mellora das condicións laborais e retributivas para atraer e reter profesionais; a planificación real e negociada da organización dos centros e dos PAC; e a posta en marcha de medidas estruturais que garantan a sustentabilidade do sistema.
A CIG-Saúde leva anos advertindo do deterioro continuado deste nivel asistencial que non afecta só a un colectivo concreto, senón “ao conxunto das categorías profesionais”. Por iso, aseverou Lestón, cómpre incorporar máis médicas e médicos de familia, pero tamén reforzar as áreas administrativas, a enfermería, a pediatría, reforzar e potenciar a fisioterapia, e mesmo introducir os recursos necesarios de psicoloxía clínica para atender a saúde mental tamén neste nivel.
Mala planificación e falta de vontade política
Denunciou que esta situación límite é consecuencia da mala planificación e da falta de vontade política para reforzar a Atención Primaria, “que é a porta de entrada ao sistema sanitario e a garantía dunha atención próxima e de calidade para a cidadanía”.
Porén, a Consellaría non achega propostas “e incluso se nega a convocar o comité de folga, que é unha obriga nun conflito laboral como este, intentando esquivar o diálogo e minimizar un problema que afecta directamente á atención que recibe a cidadanía”. A este respecto, Lestón incidiu en que esta folga non se convoca unicamente polas condicións laborais do persoal que traballa na sanidade, senón tamén “pola defensa da sanidade pública e polo dereito da cidadanía a unha atención digna e de calidade”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde insistiu en que se a Consellaría continúa sen negociar e sen querer dialogar e buscar solucións efectivas, “o conflito non vai desaparecer e continuaremos mobilizándonos até que haxa cambios reais”.