A CIG reitera o compromiso e a aposta pola igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación
Durante estas semanas veremos xanelas e varandas lucindo as cores da diversidade, mesmo en administracións públicas gobernadas por organizacións políticas que cuestionan identidades e que negan a posibilidade de exercer os seus dereitos ás persoas LGTBI.
Como vimos denunciando desde hai anos, o PPdeG ven poñendo en práctica unha estratexia deliberada de pinkwhasing (lavado de cara rosa) apelando a súa condición de simpatizantes LGTBI co obxectivo de amosar á cidadanía unha imaxe progresista, moderna e tolerante que os afaste da súa faciana máis conservadora.
Así, aproban unha lei no ano 2014 sen ningún tipo de réxime sancionador, a Lei de igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, mais votan en contra da toma en consideración da lei trans no parlamento Galego no 2017. Un exercicio de hipocrisía que continuaron o ano pasado coa creación do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, mais constituído por tan só 3 colectivos LGTBI dun total de 25.
Paralelamente, ao sistema capitalista interésalle espallar unha imaxe da conmemoración do 28 de xuño reducida a un formato estritamente lúdico, desposuído da súa carga reivindicativa, banalizando a loita social, e mesmo invisibilizando e marxinando aos corpos que non responden ao patrón consumista que pretenden impoñer.
Mais se hoxe existe a despenalización das prácticas homosexuais, o recoñecemento legal de novos modelos familiares, da orientación sexual e tamén da identidade de xénero, o combate do acoso e mesmo dos crimes de odio, o dereito a elixir as relacións afectivo sexuais, a ter un traballo digno, a non ser discriminadas e a recibir atención social e sanitaria axeitada, isto foi posíbel grazas aos disturbios e revoltas protagonizadas por persoas trans e homosexuais, que finalmente foron quen de trasladar a reivindicación da igualdade de dereitos á vía xudicial e mediante a posta en marcha de políticas públicas.
Sorprende, xa que logo, que algúns dos cuestionamentos proveñan por parte de organizacións políticas como o PSOE que regularon e defenden -en aparencia- os dereitos LGTBI, mais na práctica coinciden coa súa argumentación con grupos homófobos e tránsfobos da ultradereita.
Por iso a CIG instamos a todas as persoas e institucións sen exclusións, a que se sumen á loita e ao combate contra as discriminacións, adoptando medidas e accións que muden a situación, apostando pola inclusión e a visibilidade, que non se queden na decoración multicolor colocada o 28 de xuño, ou ou mes enteiro, senón que realicen cambios que permanezan estábeis a prol da normalización de toda a diversidade que está nos marxes ou sae dos límites da heterosexualidade. O orgullo significa o dereito da persoa a elixir e ser unha mesma, sen que a discriminen ou a cuestionen por selo.
Nun ano no que a pandemia da Covid19 pode invisibilizar a resposta, facemos un chamamento non só a decorar as nosas xanelas coa bandeira multicolor, senón a demandar a posta en marcha de medidas dirixidas a paliar os efectos desta crise, reforzando os servizos públicos que garantan a igualdade de dereitos e a protección de todas as persoas.
Declaración da CIG neste 28 de Xuño
51 anos despois as forzas policiais entraran de madrugada no StonewallInn, un bar do barrio Greenwich Village, de Nova Iorque, xurdiu unha revolta levada a cabo por persoas negras, trans e migrantes, contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra o movemento LGTBI, pola súa disidencia contra a heterosexualidade como norma, que supuxo o inicio da visibilización nos espazos públicos e nas rúas.
A revolta posibilitou a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, trans, bisexuais, intersexuais.... segue a ser necesario esixir o dereito das persoas a vivir en liberdade sexa cal sexa a súa opción afectiva e sexual, a identificación co rol de xénero ou a súa identidade.
Unha revolta nacida como loita de clases, como unha loita antirracista e como unha loita de xénero, que segue viva, e por desgraza de actualidade.
Por iso, desde a CIG, DENUNCIAMOS:
- As discriminacións, a vulneración de dereitos e as agresións contra as persoas que exercen unha disidencia de xénero, afectiva ou sexual diferente a heteronormativanas escolas, nos xulgados, nos traballos, nas rúas ou nos lugares de ocio da Galiza.
- As discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...), como no social, e mesmo no ámbito educativo desde idades moi temperás (agresións, insultos, invisibilización, illamento, acoso e ciberacoso...), que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero.
- Que a pesares das múltiples denuncias contra o Plan galego anti VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2015-2018, por vincular a homosexualidade cun maior consumo de drogas ou cunhas prácticas sexuais proclives a contraer sida, o plan non foi modificado, e pese a chegar ao seu remate, non se redactou un novo libre da estigmatización e os estereotipos que contén o anterior, aínda vixente.
- Que a Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde vincula os tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) á existencia dun trastorno documentado da capacidade reprodutiva, constatada tras un protocolo diagnóstico, ou tras a ausencia de consecución de embarazo despois dun mínimo 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal sen emprego de métodos anticonceptivos, excluíndo por tanto, ás mulleres lesbianas da posibilidade de ser nais.
- Que malia os distintos cambios de goberno que tiveron lugar no estado español, seguimos a sufrir os efectos dunha lei educativa, a LOMCE, que dificulta un tratamento adecuado da diversidade afectivo sexual no ámbito educativo e, por tanto, fica lonxe o obxectivo de acadar unha educación igualitaria e respectuosa coa diversidade de opcións sexoafectivas e de identidade. Mentres, a hipocrisía da Xunta conduce a graves carencias nos apoios á coeducación e os plans de igualdade nos centros educativos ao tempo que non se apoia claramente a visibilidade da diversidade afectivo-sexual.
Por todo o exposto, ESIXIMOS, un ano máis ao goberno da Xunta:
- Que garanta o dereito á protección da saúde das persoas trans, incluíndo os tratamentos clínicos necesarios que así se soliciten, como a vaxinoplastia, glotoplastia, faloplastia, mamoplastia, mastectomía, entre outras no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
- O respecto á diversidade das persoas cuxa identidade rexistral non coincide coa súa identidade de xénero.
- O acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público galego por parte daquelas mulleres que así o soliciten, teñan ou non parella, sexan lésbicas ou bisexuais.
- Dotación orzamentaria que permita poñer en marcha á Lei de Igualdade 2/2014 de 14 abril pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza, e o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, facendo as modificacións oportunas na lexislación vixente co obxecto de estabelecer un réxime sancionador, incluíndo a protección integral contra os delitos de odio, axilizando as denuncias e a protección das persoas afectadas, así como formación transversal en diversidade a todos os colectivos implicados (persoal sanitario, persoal do ensino, operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade do estado).
- Esiximos que todas as persoas, independentemente da súa orixe, do seu estado civil, ou da situación legal na que se atopen, poidan ser atendidas nos servizos públicos de saúde e teñan cubertos os seus tratamentos médicos, sen que teñan que facer alusión ás súas prácticas sexuais.
- A promoción dun ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.Con este fin, promoverase a creación de equipos de igualdade e diversidade en todos os centros educativos.
- Que se aprobe unha Lei Galega de Identidade de xénero que garanta o recoñecemento e a existencia da comunidade trans, a través da posta en marcha de medidas no ámbito educativo, sanitario e xudicial.
- Programas de prevención da LGTBIfobia, e de asesoramento LGTBI, dirixidos aos departamentos de orientación e equipos de igualdade e diversidade,dos centros educativos e mesmo ás asociacións de nais e pais, combinando con campañas específicas para a prevención e erradicación do acoso escolar LGTIfóbico.
- A modificación da composición do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, garantindo a representatividade e participación das persoas e colectivos da comunidade LGTBi na Galiza.
- A nivel laboral, a erradicación das actitudes homo/lesbo/bifóbicas/transfóbicas, instando a adoptar medidas que eviten calquera tipo de discriminación no acceso e mantemento do emprego, que eviten e persigan o acoso laboral, propiciando a igualdade de oportunidades e de trato de todas e todos os traballadores. Para tal fin, promoverase a negociación dun protocolo de prevención e actuación ante o acoso por identidade afectiva ou sexual nas empresas.
Desde a CIG reiteramos un ano máis o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos ao orgullo pola diversidade afectivo sexual e de xénero, e á loita LGTBI facendo un chamamento a participar en todas aquelas actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos na Galiza en torno ao 28 de xuño, e naquelas localidades que suspenderon os actos por mor da pandemia da Covid19, a visibilizar a diversidade.