A CIG reitera o apoio á campaña pola liberación de Öcalam e unha solución política para a cuestión kurda

Internacional - 09 Out 2024

Este 9 de outubro cúmprense xa 26 anos da expulsión de Abdullah Öcalan de Siria, ao que seguiu o seu secuestro e posterior internamento en prisión, sen ningún contacto co mundo exterior en máis de 12 anos e sometido a torturas e malos tratos. A Confederación Intersindical Galega reitera o seu apoio á campaña internacional en demanda de liberdade para Öcalan e unha solución política para a cuestión kurda.

A cuestión kurda de Turquía, sen resolver, vén creando conflitos e inestabilidade política na rexión, violacións de dereitos civís e políticos, ten custado miles de mortes, ocupación, racismo, opresión contra as mulleres, intolerancia relixiosa, explotación económica e destrución do medio ambiente.

As condicións en que se atopa Öcalan violan as convencións de dereitos e os acordos contra a tortura, e as institucións internacionais non están a resolver as demandas que, desde o comezo da campaña "Liberdade para Öcalan", hai un ano, vimos reclamando.

Por iso, a CIG insta o secretario xeral do Consello de Europa, o Comité Europeo para a Prevención da Tortura e as Penas ou Tratos Inhumanos e Degradantes, o comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, o Comité de Ministros/as, o Comité de Dereitos Humanos da ONU, e as institucións pertinentes, a que tomen as medidas necesarias para que, en primeira instancia, se lle permita a Abdulah Öcalan reunirse cos seus avogados e a súa familia e, en última instancia, sexa posto en liberdade, en condicións que lle permitan desempeñar un papel na busca dunha solución política xusta e democrática ao conflito kurdo de Turquía, que xa dura décadas.

LIBERDADE PARA ÖCALAN!!!