A CIG reitera a necesidade de incrementar o salario mínimo até os 1167 euros ao mes, o 60% do soldo medio actual
A CIG reitera a necesidade de que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) se incremente até os 1167 euros mensuais, que se correspondería co 60% do soldo medio actual, segundo establece a Carta Social Europea que foi ratificada en xuño polo Estado español. Ao mesmo tempo, denuncia que a suba “insuficiente” anunciada polo Goberno español só afectaría en Galiza a pouco máis de 30.000 persoas, o 4,3% da poboación asalariada.
Dende a central sindical critican que o Executivo, por mediación do Ministerio de Traballo, estea a empregar unha vez máis o chamado diálogo social para non cumprir cos compromisos adquiridos. Neste senso, lembran que en xuño do ano pasado o Estado español ratificou a Carta Social Europea, que no seu artigo 4º recoñece “o dereito das persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione un nivel de vida decoroso”, segundo sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, que lembra tamén que a Carta Social Europea fixa esa remuneración no 60% do salario medio estatal.
A ministra de Traballo propón un aumento do 3,6%, chegando aos 1000 euros mensuais, unha suba por debaixo do medre do IPC, que foi do 6,5%
Pois ven, a Axencia Tributaria calculou que o salario medio no Estado é de 27.247 euros anuais, polo que o 60% deste suporía un salario mínimo de 16.348 euros (1167 euros en 14 pagas). “Pero a ministra de Traballo propón un aumento do 3,6%, chegando aos 1000 euros mensuais, unha suba por debaixo do medre do IPC, que foi do 6,5%”. Esta decisión, que se suma ás medidas regresivas aprobadas coa reforma laboral, foi adoptada no Consello de Ministros/as.
Así, mentres se aproba unha perda de poder adquisitivo do 3% (pola diferencia co medre do IPC), os produtos esenciais como a electricidade o gas ou outros combustíbeis medran o 56,5%; o transporte o 10,8%; os servizos financeiros o 10,6%; os servizos de aloxamento o 6,7%; os alimentos o 4,6%; ou as bebidas o 7,6%. “O Goberno certifica o empobrecemento das capas máis precarias e empobrecidas da clase traballadora días despois de certificar a non derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012, castigándoas a vivir na precariedade indefinidamente”.
Ademais, os datos aportados polo Ministerio para suxerir este incremento non son cribles, “xa que eses supostos expertos/as son membros dos propios Ministerios, da patronal e dos sindicatos estatais”. Por iso para a CIG o chamado diálogo social amósase unha vez máis como un enterrador de dereitos. “A pesar de que a lei obriga o Estado español a consultar sobre os incrementos do SMI a ministra de Traballo non ten contactado coa CIG, que é a central maioritaria do país e ostenta a condición de sindicato máis representativo”.
Incrementar o poder adquisitivo
Deste xeito, consideran “sorprendente” que unha ministra galega que logrou a súa acta de deputada pola provincia de Pontevedra non respecte o que os seus concidadáns ratifican nas elección sindicais que se realizan en Galiza.
Finalmente, dende a CIG sosteñen que a suba so SMI até aos 1167 euros ao mes é unha medida necesaria para a reactivación da economía e para incrementar o consumo interno e o poder adquisitivo das clases traballadoras máis castigadas polas sucesivas crises que levamos padecendo dende o ano 2008.
“Moi pola contra do que ten advertido o Banco de España, os aumentos no nivel de emprego rexistrados até o día de hoxe teñen que ver cos incrementos do SMI, que aínda sendo insuficientes alivian a economía das persoas traballadoras máis castigadas polas reformas laborais do 2010 e 2012, das que a CIG segue a pedir a súa derrogación inmediata”. Como exemplo poñen o novo Goberno alemán, que xa anunciou unha suba do SMI dos 9,5 euros/hora aos 12 euros, un aumento superior ao 25%.