A CIG recorrerá no Supremo a sentenza do TSXG sobre o convenio de eficacia limitada do transporte de viaxeiros por estrada

A central sindical insiste en que a resolución non é firme e reitera que o acordo asinado por UGT e CCOO supuxo unha “traizón aos intereses do sector”
Nacional - 10 Xun 2026

A FGAMT-CIG presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que desestima en primeira instancia a demanda interposta pola central sindical contra a sinatura do convenio de eficacia limitada de UGT no transporte de persoas viaxeiras por estrada.

A FGAMT-CIG subliña que a resolución xudicial non é firme e lembra que contra ela cabe recurso ante o Alto Tribunal, circunstancia que xa foi comunicada ao propio TSXG e que se materializará nos próximos días.

En todo caso, sostén que, aínda que esta sentenza dixese que é legal a sinatura dun convenio de eficacia limitada, iso non modifica a valoración sobre a actuación de UGT e CCOO durante o conflito. Considera que ambas organizacións cometeron unha “traizón aos intereses do sector” ao incumpriren o mandato expresado nas votacións realizadas entre o persoal, nas que, segundo lembra, 831 persoas, o 70% das participantes, manifestaron que non querían esa saída ao conflito.

Neste sentido, a CIG afirma que a sentenza non converte en positivo o pacto subscrito coa patronal e insiste en que foi negociado e acordado “ás costas dos traballadores e traballadoras”. Entende, por iso, que se impuxo ao persoal un texto que xa fora desbotado, “coa chantaxe engadida” de ter que escoller entre aceptar ese acordo e conseguir polo menos unha suba salarial ou non obter ningunha mellora. A CIG sostén que, independentemente do que diga a sentenza, o sector era consciente de que a patronal quería impor ese texto e afirma que UGT e CCOO podían impedilo, pero optaron por asinalo.

Un texto “ditado pola patronal”

A CIG insiste en que o problema de fondo nunca foi exclusivamente a contía da suba salarial incluída no convenio. Aínda que considera que coa forza acumulada durante a folga poderían terse acadado melloras económicas superiores, entende que a cuestión principal é que o acordo responde aos intereses empresariais.

Por iso, denuncia que se trata dun texto “ditado pola patronal” que, ao seu xuízo, busca resolver mediante convenio cuestións que o Grupo Monbus tiña pendentes nos xulgados. Entre elas as reclamacións relacionadas co pagamento das dietas nos servizos urbanos e metropolitanos, os excesos de xornada nos servizos interurbanos e o dereito das acompañantes do transporte escolar a percibir integramente os seus pluses salariais.

Ademais, a central sindical critica que o convenio incorpore un capítulo de sancións co que, segundo denuncia, se pretende penalizar a quen empregue o tacógrafo para rexistrar horas extraordinarias, malia as longas xornadas de traballo constituír unha realidade coñecida e estendida no sector.

Continuar a batalla xudicial e sindical

A CIG cumpriu co compromiso adquirido na última asemblea do sector, que era presentar esta demanda e seguir forzando unha negociación que dese como resultado un convenio de eficacia xeral en condicións dignas.

Agora, engade, continuará coa presentación do recurso contra unha sentenza que considera “inxusta e que non se axusta a dereito”, ao tempo que seguirá acumulando forzas para mellorar as condicións de traballo e conseguir, dunha vez, “un convenio colectivo digno que o noso sector merece”.