A CIG recorrerá a denegación dos coeficientes redutores ao persoal vixilante e administrativo de canteiras

A Coruña - 27 Mar 2025

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) da Coruña denuncia que o Goberno español está a denegar os coeficientes redutores ao colectivo de vixilancia e administración de canteiras, graveiras e areeiras, sometido a unha situación de risco grave para a súa saúde durante a súa relación laboral. Impídese así que este persoal poida anticipar a súa idade de xubilación como o resto dos compañeiros e compañeiras que desenvolven outros postos de traballo.

Esta negativa levou o sindicato a iniciar accións legais mediante a presentación dun recurso de alzada contra esta resolución inxusta do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións fundamentada en que, na súa opinión, este persoal non estaría verdadeiramente exposto ao po de sílice.

A CIG e o persoal do sector saben que a realidade “é exactamente ao contrario: o po de sílice cristalino, polas súas dimensións microscópicas (menores de 10 µm), mantense en suspensión moito tempo e infíltrase incluso en espazos teoricamente pechados, coma aqueles nos que vixilantes e persoal administrativo presta os seus servizos, normalmente sitos dentro ou inmediatamente a rentes da explotación mineira”.

Ademais, engade a FCM-CIG, en numerosas ocasións deben saír ao exterior e percorrer a explotación, estando polo tanto moi exposto ao po en suspensión, especialmente cando se dan determinadas condicións de humidade, vento e temperatura.

Non se melloran os coeficientes redutores e endurécense as condicións

A federación da CIG critica que esta realidade choca coa propaganda “coa que o Goberno español e os seus sindicatos afíns levan meses bombardeando á clase traballadora sobre a suposta mellora "inminente" dos coeficientes redutores para colectivos coma o transporte, o traballo no fogar ou a construción, entre outros”. Porén, desas supostas melloras nada concreto se sabe e en cambio compróbase que decisións coma estas “aínda veñen a endurecer o acceso aos coeficientes xa recoñecidos”.

O sílice mata o dobre que o amianto

A Federación de Construción e Madeira da CIG seguirá coa campaña iniciada en 2017 para a sensibilización do persoal do sector sobre os riscos da súa exposición ao sílice, e a súa principal enfermidade profesional derivada: a silicose. A central leva anos tentado que se recoñezan os coeficientes a todo o persoal exposto a este mineral. Neste senso, acaba de ver a luz unha estatística que determina que as mortes por sílice xa duplican as do amianto, mais a clase traballadora está moito máis concienciada sobre o risco da asbestose.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.