A CIG recorre os servizos mínimos “excesivos e inaceptábeis” da Xunta de Galiza para o 8 de Marzo
A Confederación Intersindical Galega vén de presentar un recurso contra os servizos mínimos establecidos pola Xunta de Galiza. A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia que son mesmo maiores que os establecidos para convocatorias anteriores de carácter similar e afirma que “non podemos aceptar uns servizos mínimos que, en realidade, son máximos, abusivos e esaxerados”.
Corral denuncia ademais que é “impresentábel” que a Xunta de Galiza agarde ao último día para publicar o Decreto de servizos mínimos, máis cando xa desde o propio TSXG se ten cuestionado este proceder recollendo nun auto que “non alcanza a comprender esta Sala que a Administración, coñecedora desde hai varios meses da convocatoria dunha folga para a xornada de (…) (folga xeral de 14 de novembro de 2012) demorara a publicación do Decreto regulador da fixación dos servizos mínimos esenciais até dous días antes desta data”.
A este respecto a secretaria das Mulleres da CIG lembra que a central sindical presentou a convocatoria formal de folga o día 29 de xaneiro e que, desde aquela, a Xunta de Galiza “tivo tempo abondo para negociar e publicar estes mínimos que recolle o DOG de hoxe causando indefensión e dificultades para recorrelos”.
Do mesmo xeito lembra que o chamamento que fai a central sindical é a unha folga de mulleres e, polo tanto, non ve sentido en establecer eses servizos mínimos cando hai traballadores que non están chamados a secundala, máxime en sectores moi masculinizados, como pode ser o transporte de viaxeiras/os.
Mínimos inaceptábeis
No caso concreto do transporte establécense nesta ocasión servizos mínimos excesivos cando “en ocasións anteriores nin se mencionaba medida algunha para este sector, máis alá dos decretados para o transporte escolar”.
Para CIG tamén son inaceptábeis os mínimos impostos na CRTVG, onde se pretende manter a programación habitual durante os paros, no canto de limitarse a informar sobre a incidencia da folga e as mobilizacións previstas no decurso da xornada como correspondería a un servizo público como este.
Resulta especialmente rechamante o caso dos mínimos establecidos para a central de emerxencias 112, onde se fixan nalgunha categoría, como a de persoal estrutural, un número de efectivos superior ao de calquera quenda do mesmo horario nunha xornada ordinaria.
Canto aos servizos centrais da Xunta de Galiza e os organismos da administración xeral do Estado decrétanse uns mínimos que superan os de un domingo ou festivo. “Entendemos que nestes casos os servizos mínimos son absolutamente innecesarios” porque “se nunha xornada non laborábel non ten a máis mínima consecuencia, nesta xornada de paros, tampouco”.
No ámbito da Sanidade e no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, para variar, fíxanse uns servizos mínimos que son mesmo superiores ao 100% do cadro de persoal habitual nun día laborábel ordinario vulnerando así o dereito fundamental á folga das traballadoras destes sectores, ámbitos especialmente feminizados e onde se visibiliza especialmente a relegación das mulleres aos ámbitos dos coidados e o teito de cristal que sofren estas traballadoras na súa promoción profesional.