A CIG recorre os “inauditos” servizos mínimos decretados para impedir o dereito á folga das mulleres o 8M
A CIG vén de recorrer os “máximos e exaxerados” servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza para a Folga de Mulleres convocada para o vindeiro 8 de marzo. Denuncia que malia a convocatoria de folga terse rexistrado o pasado día 27 de xaneiro, non se convocou a xuntanza para a negociación dos mínimos até o día 24 de febreiro, un mes despois. Considera ademais “impresentábel” que a Xunta de Galiza agardara ao último día hábil para publicar o Decreto de servizos mínimos. “O obxectivo deste atraso é, como noutras ocasións, dificultar a presentación do recurso e a adopción de medidas cautelares por parte do tribunal”, denuncia a secretaria de Organización, Susana Méndez.
A CIG lembra que así o considerou taméno Tribunal Superior de Xustiza de Galiza na sentenzaemitida tras da central sindical denunciar os servizos mínimos, xa daquela exaxerados, decretados pola Xunta de Galiza para a Folga de Mulleres convocada para o 8 de Marzo de 2018.
Unha sentenza na que se rexeitaba este comportamento da Administración, tanto por publicaro decreto o día anterior á xornada de folga-igual que agora-,como por agardar unha semana para a súa publicación, tras da xuntanza celebrada daquela para negocialos. “Desta volta aínda demorou máis, 9 días”, denuncia Méndez.
A secretaria de Organización da CIG lembra que esa sentenza considera tamén que con ese proceder “restrinxiuse inxustificadamente o prazo” para presentar a impugnación e que se someteu ás organizacións sindicais “a unha presión temporal á hora de articular a solicitude de medida cautelar”. Unha limitación que, segundo recolle, “trasladouse tamén a este tribunal, que ao ter que resolvela con tal premura impediu un exame en profundidade de todos e cada un dos servizos e ámbitos da actividade administrativa” onde se alegou vulneración do dereito á folga.
Susana Méndez entende que estamos nunha situación excepcional, defende o establecemento duns mínimos para cubrir as tarefas e traballos imprescindibles para a continuación daqueles servizos esenciais para a sociedade mais denuncia que “os servizos mínimos decretados exceden moitísimo os que, mesmo nesta situación de pandemia se establecen para un domingo ou un festivo” e que, en todo caso “ben podían ser cubertos por homes, que non están atinxidos por esta convocatoria”.
Campaña contra a loita feminista
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia ademais que a estes servizos mínimos que “teñen como obxectivo impedir o exercicio do dereito fundamental á folga das mulleres e invisibilizar as súas demandas”, hai que engadir a “brutal” campaña institucional lanzada inicialmente pola ultradereita, á que se sumou, sen escrúpulos o PSOE.
Unha campaña de acoso á loita feminista que se traduciu en “fenómenos intolerables como chamadas dalgunhas subdelegacións do Goberno coaccionando e ameazando ás promotoras das mobilizacións ou mesmo que se negara, por parte dalgunhas institucións, a existencia da convocatoria de folga para nin sequera negociar os servizos mínimos, como ocorreu no Concello da Coruña, ou no caso do Concello de Vigo, onde puxeron problemas á negociación dos servizos mínimos porque dubidaban da legalidade de que a convoctoria de folga atinxa só a mulleres.
Corral considera “intolerable” esta situación, que vén demostrar a hipocrisía das institucións na conmemoración do 8M, e chama ás mulleres a participar tanto na folga como nas mobilizacións convocadas pola CIG e por Galegas8M para dar a resposta que merecen estes ataques.